«Esperanza», lectura na homenaxe compostelá a Manuel María o 17 de maio de 2016

HomenaxeMM17-maio-2016
(Na Quintana, coa intérprete de signos e a presentadora Comba Campoy. Premer para agrandar o tamaño)
A entidade MaOs, Innovación Social, S. Coop. Galega vén de recoller no seu sitio web unha crónica da Homenaxe compostelá a Manuel María celebrada na tarde do 17 de maio de 2016, Día das Letras Galegas, organizada pola Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, e na que tiven a honra de participar (como recolle a fotografía superior) xunto a outras e outros poetas ou narradores/as facendo unha lectura dalgúns dos seus Poemas a Compostela (1952). A miña intervención consistiu na lectura do poema «Esperanza».
Deseguida reproduzo a crónica elaborada por MaOs e o devandito poema de Manuel María.
«O 17 de maio organizamos un paseo-recital e un concerto en homenaxe a Manuel María polo Día das Letras Galegas de 2016 para o Concello de Santiago.
A homenaxe centrouse na relación do autor con Santiago de Compostela a través da súa obra Poemas a Compostela.
O paseo comezou ás 17 h. na Praza do Obradoiro, baixo os soportais do Pazo de Raxoi, cunha presentación da concelleira Branca Novoneyra na cal abordou aqueles aspectos da vida de Manuel María que o relacionan con Compostela. Foi a partir dese momento que diferentes persoas da cultura compostelá e do público recitaron os 14 poemas de Poemas a Compostela, libro escrito polo autor en 1952. A recitación dividiuse en tres espazos relacionados directa ou indirectamente coa obra: a Praza do Obradoiro, a Praza da Quintana e a Praza de San Martiño Pinario. O acto pechouse nesta última praza ás 18h cun breve concerto de García MC baseado en obras de poetas galegos/as, entre as cales se encontraba un poema de Manuel María, “Home”.
O acto guiouno Comba Campoy, e contou coa colaboración especial de Lara Rozados Lorenzo, Manuel Portas, Laureano Araúxo, Olalla Cociña Lozano, Rosalía Fernández Rial, Montse Dopico González e Miro Villar, ademais de con todas as persoas que se achegaron voluntariamente para recitar e pasear».
POEMAS A COMPOSTELAMANUEL MARÍA (1952)
ESPERANZA
Como unha Xerusalem purificada polo lume
óllote, ouh Compostela, docemente
feita lume no sangue do meu povo.
Quixera dicir, na nidia voz das túas campanas,
a túa mensaxe de pomba,
o teu silencio rumoroso de mar,
a túa humildade de fonte,
a túa sombra de terror e misterio,
o teu tremor de estrela no corazón da noite.
Quixera navegar a túa néboa de tempo,
chegar a ti humildemente co corazón na mau
pra darche esta miña vida que en ti vive
cantando a túa melancolía en doce son.
Quero terte lonxana
e falarlle ó teu corazón de cidade
en língoa amiga,
amorosa de fragas, de cervos e de ventos.
Ollo e recoñozo en ti o sangue meu,
a árbore que dá descanso e sombra
a miña tribu vella e melancólica,
batida polos ventos de todo o mundo,
probada pola mau de tódalas desgracias.
A dubidosa paz dos teus pregos mortos
doiche na alma como espiña.
A túa canción de estrelas no vieiro da noite
fálalle a tódolos povos da terra.
As cantigas que firen como espadas
deuchas o vento do Fisterre
pra que aprenderas os camiños sen fin.
O milagre sempre aceso dos teus beizos
faiche eternamente arder
como unha grande rosa vermella o corazón.
¡Ouh Compostela da Quintana dos Mortos
que escoas polas feridas da túa sombra:
dime como e cando naceu a túa dor!
Dime que milagre de rosas fixo florecer
a túa alma de pomba en vento melancólico.
O teu espíritu purísimo de luz e ar
amañeceu en gaita fonda de lembranzas.
¡Compostela das roitas misteriosas
inmortal
na nosa lembranza galega e pequeniña!

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Poesía. Garda a ligazón permanente.