Artigo en QPC (IV): «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)»

ManuelMaríaOCouto1993b
ManuelMaríaOCouto1993(2)
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Máis unha vez reproduzo deseguida a nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, a primeira parte dun longo artigo que desta volta intitulei «A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)» e que tamén xa se pode ler nesta ligazón.
«A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II)
É de estrañar que, malia a manifesta fascinación abentiana da que falamos na anterior entrega, Manuel María non viaxou até a Costa da Morte até o verán de 1980, dezasete anos despois, como confesa no artigo «Viaxe a Fisterra», asinado co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova e publicado no semanario A Nosa Terra, nº 126. 3/X/1980, na sección «Andando a Terra», na que colaborou toda unha década, desde o seu nacemento nos derradeiros días do setenta e sete e até o ano oitente e sete.
Foi unha longa viaxe pola costa, pois Saleta e Manuel viñan de visitar en Noia ao poeta Avilés de Taramancos na súa taberna e pasaron pola Serra de Outes, terra do poeta Francisco Añón, por Muros, Carnota, a fervenza do Ézaro (Dumbría), Cee e Corcubión, antes de chegaren ao solpor fisterrán. A descrición que fai destas terras é breve, mais sorprendente. Velaquí os tres derradeiros parágrafos do artigo:
«Non imos falar do viaxe de Noia a Fisterra. Unicamente decir que en Outes pódese ollar un busto que a Real Academia Gallega lle adicou ó poeta Añón, coa adicatoria en español. Que contempramos ó noso xeito o hórreo de Carnota que, como todo o mundo sabe, é o meirande de Galicia. Que intentamos ollar a desembocadura do Xallas, o río cantado por Pondal. Sabíamos que desembocaba facendo unha breixa ou fervenza, que en castelán lle chaman «catarata». Non poidemos ver nada. O único que se pode ollar é a canle do río, cun fío de auga, que non move nin a un muíño de talas, dos que facíamos cando eramos nenos pra poñer nos regos. En Cee as chimeneas da fábrica de carburos, meten medo.
Fisterra estaba chea de catalás. Lembrámonos da vella ermida de San Guillermo e dos ritos que alí se facín pra fecundar as mulleres que non tiñan familia. E tamén da Ara Solis, das lexiós romanas e de Borrow, que tan curiosas páxinas deixou sobre o lugar. Cousas estas que se poden lér en calqueira guía que se precie. Chamounos moito a atención ver a tódalas mulleres maduras e as vellas vestir de mouro. E as rapazas vestir de branco.
Voltamos a Santiago de Compostela pola estrada de Brens a Santa Comba. Todas estas terras, que non nos cansamos de contemprar, son como a poesía de Pondal. Ou a poesía de Pondal é como estas terras. Non o saberíamos con xusteza e si nos perguntan meteríamos nun apuro grande. Pra un chairego de nación, como este servidor que o é, estas paisaxes, grandiosas, sobrias e pedregosas, teñen un engado especial que ún non sabe esplicar ben».
Porén, a viaxe debeu deixar un pouso ben profundo e dous anos despois Manuel María publica o volume Versos do lume e do vaga-lume (Ourense: Galiza Editora, 1982), con dous poemas inspirados en lugares da Costa da Morte, «Dólmen de Dombate» (páxina 17) e «Fisterra» (páxina 20), alén das referencias ao Cristo de Fisterra e á muxiá Virxe da Barca que aparecen nos versos do poema «O Xistral» (páxina 14).
«Fisterra» recolle sen dúbida o solpor que puido ollar na viaxe referida nun fermoso poema que poetiza a fraxilidade da existencia, un sentimento ben comprensible na contemplación silenciosa da inmensidade oceánica. Cómpre lembrar que até entón Manuel María só visitara o mar como temática nas súas obras Mar maior (1963) e Versos florecidos en louvanza de Foz (1967), localidade á que acudía con asiduidade malia que como sinala nos seus artigos e como lembran moitas das súas amizades adoitaba estar afastado, na beira, e mesmo hai quen o lembra con traxe de verán nos areais focegos. E de resto, a presenza do mar é anecdótica na súa obra, aínda que teña un excelente poema sobre a dorna e algún outro sobre o oficio dos mariñeiros.
Así e todo, a Costa da Morte e os seus principais poetas tampouco podían estar ausentes no texto da súa conferencia A presencia do mar na poesía galega, separata da Revista Internacional de los Estudios Vascos, ano 39, tomo XXXVI, nº 2 (1991). Donostia: Editorial Eusko Ikaskuntza, S.A., xullo-decembro, 1991, pp. 313-338.
Rosalía de Castro e os seus coñecidos versos sobre a romaría da Barca de Muxía, unha ampla escolla de versos pondalianos e, novamente, as referencias a Centileos nas ondas de Gonzalo López Abente integran o corpus que Manuel María utiliza na súa asisada e documentada disertación.
O 16 maio de 1993 prodúcese outro dos acontecementos que máis achegou a Manuel María ao territorio da Costa da Morte ao ser escollido como o primeiro poeta en ser homenaxeado pola activa asociación cultural e veciñal O Couto, desta parroquia da Ponteceso. Nesa data descobre a primeira das placas, realizada polo escultor Anxo Cousillas, con nome de escritor que desde aquela e de xeito anual foron colocadas na Casa dos Veciños. Alén do seu discurso e da súa recitación, estivo acompañado por Xosé Agrelo Hermo que dirixiu unha peza teatral da súa autoría e polo cantautor Suso Vaamonde que interpretou varios poemas do disco que en 1978 realizou sobre os Soños na gaiola (1968), aínda que no acto os exemplares do libro pertencían á 8ª edición (Xerais, 1992) pois antes houbo outras noutros selos editoriais.
(continuará)

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Memoria Literaria, Música, Poesía, Premios, Teatro. Garda a ligazón permanente.