No lanzamento do monográfico «ENSINAR… NON SEN A POESÍA!» da Revista Galega de Educación



(Fotografías feitas con dispositivo móbil. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
E onte á tardiña estivemos na presentación do excelente, e sobre todo útil, número monográfico «ENSINAR… NON SEN A POESÍA!» da Revista Galega de Educación, publicación de Nova Escola Galega, que coordinaron a poeta Rosalía Fernández Rial e o profesor de Filosofía e escritor Miguel Vázquez Freire, nun acto que introduciu o pedágogo Antón Costa Rico e no que tamén participamos a escritora Helena Villar Janeiro e mais eu propio.
Antón Costa Rico debullou o longo percorrido do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e da Revista Galega de Educación, publicación pedagóxica de carácter teórico-práctico que naceu en 1986 e que agora chega ao seu número 64, o que a converte nesta longa andaina na única revista galega de educación en formato impreso, alén de realizar intercambios científicos con outras publicacións do mesmo eido e estar indexada nos principais repertorios bibliográficos.
Miguel Vázquez Freire explicou a xénese deste número monográfico «ENSINAR… NON SEN A POESÍA!» e abriu unha proposta de debate derredor do necesario protagonismo da palabras poética dentro das aulas, mentres que Rosalía Fernández Rial esmiuzou os principais contidos da revista, que se abre cun artigo introdutorio dos propios coordinadores, ao que seguen un «Decálogo para achegar a poesía á infancia», de Helena Villar Janeiro; «Aula a aula, verso a verso», de Antón Cortizas; «Pista de despegue», de Fran Alonso; «Federico Martín. Poética de Paideia», de Antonio Rubio Herrero e Xosé Manuel González Barreiro (Oli); «O libro-CD en Galiza. Primeiras obras», de Romina Bal; «O traballo coa poesía en centros de primaria», de Pilar Sampedro; «A poesía chegou para quedarse», de Ricardo de la Torre Rodríguez; «Viches a Rosalía de Castro? Literatura e vídeo na escola unitaria de Lañas», de Alonso Caxade; «Para sabermos algo máis…», que asinan os propios coordinadores e unha pequena antoloxía de poemas sobre a escola «Colleitando poesías», que non pretende ser exhaustiva e que recolle versos de Antón Cortizas, Gloria Sánchez, Ana María Fernández, Carlos Negro, Xoán Babarro, María Lado, Rosalía Fernández Rial, Antonio García Teijeiro, Miguel Vázquez Freire, Fran Alonso e que pecha un soneto da miña autoría que escribín por volta de 1990 e que se publicou na miña opera prima, Ausencias pretéritas (Espiral maior, 1992), como segundo poema do caderno «De ti e dos soños».
A parte que atende á poesía péchase coa entrevista que realizou Miguel Vázquez Freire «De como perder o medo á poesía. Entrevista a Anna Ballester e Antonio García Teijeiro», antes de abeirar outros contidos non menos interesantes sobre educación social e escola, a escola rural e as outras escolas (sobre facer teatro), os recursos educativos, investigación e «Xogueteinas e brinquetainas», alén das recensións como a que asina Mercedes Queixas «As rúas dos soños ceibos» sobre a poesía infantil de Manuel María.
O acto pechouse cunha lectura de poemas por parte de Miguel Vázquez Freire que escolleu un texto de Antón Cortizas, Helena Villar Janeiro e Rosalía Fernández Rial que recitaron composicións propias e eu que dei lectura ao soneto referido, que di así:
Souben de amor cos nervios daquel primeiro bico,
cos meus dedos tronzados nos absurdos temores
dun peito rebentado con sonoros tambores
por un corazón ido, loucura que critico.
Souben de amor de certo, que non me xustifico,
por ter eu calafríos e xa logo queimores
pois narran moi de vello que temos mal de amores
e xa me din na vila, trobador que platico.
Fago versos sen lira, sen saber de violinos,
nin sequera de pautas que hai na partitura,
nin tampouco de cordas que musican unha harpa.
Se escoitase alomenos concertos sabatinos
na escola de anos breves a facer escritura,
mais sei de amor se vexo cuberto o ceo con carpa.
RevistaGalegaEducación

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Infantil, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.