«A misión dos bardos» e «A Rosalía», dous poemas de Evaristo Martelo Paumán no seu aniversario

EvaristoMarteloPaumán
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Tal día coma hoxe, o 25 de abril de 1853 naceu na Coruña o escritor Evaristo Martelo Paumán, e así o lembran no excelente «O Almanaque das Irmandades», que puxeron en andamento a coruñesa A. C. Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), na súa efeméride de hoxe.
Evaristo Martelo Paumán estivo moi vencellado ás terras de Soneira e concretamente ao castelo de Vimianzo, como ben explica o amigo filólogo Xosé María Rei Lema no seu Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte, e esta foi a razón de incluírmolo por volta de 2006, o poeta fisterrán Modesto Fraga e mais, cando artellamos unha antoloxía panorámica intitulada De Pondal ao Batallón Literario (120 anos de poesía na Costa da Morte), que Sotelo Blanco co-editaría coa Asociación Neria andando xa o 2009.
Da súa obra poética integrada por Os afillados do demo (1895), A noite de San Silvestre (1890), Líricas gallegas (1894), Landras e bayas (1919), Andeiro (1922) e As toupas do Pindo (inédito), escolmamos os poemas «Ruada», datado nas Torres de Vimianzo, 1886, «Un soño», «Follas mortas» e «Encantos», todos catro de Líricas gallegas (1894), e «A misión dos bardos» e «A Rosalía», de Landras e bayas (1919).
Deseguida reproduzo estes dous últimos. Velaí:
A MISIÓN DOS BARDOS
I
Non direi á patria miña,
que as penas doída chora,
tristemente,
como ferida anduriña,
que non sal do niño fóra:
“Cala e sente”.
Non lle direi: “outros días
agarda, no teu deserto
lar, mellores;
que inda terás alegrías
e fuxirán, sei de certo,
teus doores”.
Non lle direi: “mira adiante,
pensa en Dios e ten fianza
no destino”.
Direille que se levante,
que o fin, andando se alcanza
do camiño.
Tendo lei, e forte o peito,
Dios de par, e espada preto,
ben probada;
¿Por que poñer seu dereito
do tempo incerto suxeto?
¡desdichada!
Quen queira vivir honrado
non das inxustas feridas
se lamente.
Será sempre asoballado
que se doi das recibidas
e as consente.
II
Compren bágoas e queixume,
de neno ou virxen doída,
ós corazóns.
C’os tiráns a sangre e lume
loitar, mentres ferve a vida,
eso ós varóns.
Gallegos d’onte, Odiseas
de tempos que hoxe quixeres,
patria ¿onde van?
Teus fillos, non ás frameas
hoxe ós ollos, cal mulleres
levan a man.
Erguervos, homes do liño,
¡vergonza! que ó menos sente,
que é pouco ter.
Para defende-lo niño
inda o carrizo é valente,
sabe morrer.
Os que na frente levaron
da libertá santo lume,
cada home un rei,
os que con Roma loitaron,
que hoxe a preguiza os consume,
lles berrarei.
Pinga de fel carraxosa
na lousa da esclavitude
guindando estou.
Si non acudís c’a vosa;
forte eu da fe na virtude
pra atrás non vou.
Castillo de San Vicente, 1886
De Landras e bayas (1919)
A ROSALÍA
Cando recordo teus cantares doces
cal son dos pinos na serea tarde,
aqueles que escoitamos desde o berce
cal cariñosa voz de fada amante,
aqueles, que dempois prenderon lume
nos peitos dos varóns, donde hoxe arden
volcáns de amor pola esquencida terra
que farán preto ver coma un xigante
erguida en alto dos seus riscos feros,
a esas xentes sin fe, sin cor, sin sangue,
que menten despreciar rexionalismos
porque de medo entúpense cobardes;
¡Miserables sin peito e sin cabeza,
que nin para ternos da estribeira valen!
¡Cal sinto, Rosalía, que morreses
sin ver o noso día, o que anunciache!
Se a velo eu chego, xuro que te levo
unha rosa, aunque vaia tinta en sangue.
Coruña, 1899
De Landras e bayas (1919)

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Poesía. Garda a ligazón permanente.