Homenaxe a Ánxel Casal


Hoxe é día para novas homenaxes ao editor Ánxel Casal, que foi alcalde de Santiago de Compostela nos anos da II República, membro das Irmandades da Fala e creador das editoriais Lar e Nós, cando se fan 75 anos de ser atopado o corpo baleado nunha gabia da parroquia de Cacheiras (Teo), logo de ser asasinado polos franquistas. Nese lugar e para lembrar a súa memoria é habitual que o Concello de Teo, a asociación A Oliveira e a Fundación Castelao lle rendan tributo a Casal. Tamén o era, até este ano, que o Concello de Santiago de Compostela participase nos actos e mesmo desenvolvese unha homenaxe propia, que desta volta o goberno conservador non vai realizar, seica por “premura de tempo”, cando si o tiveron para preparar o proxecto de celebrar uns partidos de tenis na Cidade da Cultura. Porén, este mediodía os nacionalistas fixeron unha chamada á cidadanía para lembrar ao alcalde republicano e aló procuraremos estar. Hai varios libros para profundar na figura de Casal, mais son esenciais Ánxel Casal (1895-1936): textos e documentos, de Xosé Mª Dobarro Paz e Ernesto Vázquez Souza, con introdución do profesor Xesús Alonso Montero (Ediciós do Castro, 2003) e A Fouce, o Hórreo e o prelo, Anxel Casal ou O libro galego moderno, tamén de Ernesto Vázquez Souza (Ediciós do Castro, 2003), que o estudou na súa Tese de Doutoramento. E tamén é moi interesante Ánxel Casal, un editor para un país: catálogos de Lar e Nós, coordinado por Alfonso Mato (Consello da Cultura Galega: Seminario de Estudos Galegos, 2007). E tamén é lembrada a persoa de Ánxel Casal polo meu caro amigo Luís Lamela, do que xa falamos aquí, nos seus libros Inmolados Gallegos. Alexandro Bóveda, Víctor Casas, Telmo Bernárdez, Adrio Barreiro… (1993); Estampas de injusticia. La guerra civil del 36 en A Coruña y los documentos originados en la represión, en 1998) e de maneira especial en 1936, la ‘Cruzada’ en Compostela. La guerra civil y la represión franquista en los documentos policiales y militares (2005).
Por volta do 2005 a AELG preparou a edición dun libro Homenaxe a Ánxel Casal, descargable aquí, “en lembranza da vida e da obra de quen defendeu, desde a súa propia peripecia vital e desde a súa responsabilidade como alcalde republicano de Compostela, os valores demócratas e nacionalistas”. Nese volume colaboraron máis de corenta escritores e escritoras (a min fóiseme da cabeza e non enviei nada), dos que rescato os poemas do meu irmán Rafa Villar.
os crebados días
(i)
non é exactamente esta pedra
a que masticaba
a fame que tiñamos aqueles días
días orballados
na extraviada memoria e compostela
días prendidos no almanaque
como as sombras prenden no lusco-fusco
o seu alento
(ii)
meus irmáns caeron
atravesados no seu voo insubornábel
polo infame fascismo
caeron meus irmáns
coa dignidade intacta
e cos ollos escintilando
na decrúa desta terra
meus irmáns
e ese eco que aínda aniña en nós
(iii)
virá a esperanza
atoutiñante e estremecida e tola
virá
a esperanza que esculpe horizontes
esperanza encallada no futuro para sempre
Rafa Villar
(maio-xuño de 2005)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a Homenaxe a Ánxel Casal

  1. Pingback: As crebas » As crebas, unha breve crónica da presentación en Muxía

Os comentarios están pechados.