Un poema no Día Internacional de Conmemoración Anual en Memoria das Vítimas do Holocausto

Holocausto
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O almanaque está cheo de días que conmemoran algo e mesmo hai datas que teñen múltiplas conmemoracións asociadas. Hoxe, 27 de xaneiro, a UNESCO promove o Día Internacional de Conmemoración Anual en Memoria das Vítimas do Holocausto. Do seu sitio web traduzo para a nosa lingua os seguintes parágrafos:
«A UNESCO conmemora o xenocidio perpetrado contra o pobo xudeu e outros crimes do nazismo, e reafirma o seu compromiso de promover a educación relativa á historia do Holocausto e de loitar contra o racismo e o antisemitismo.
Neste ano, o Día Internacional ten por tema “Das palabras ao xenocidio: a propaganda antisemita e o Holocausto”.
(A prevención do xenocidio comeza nos pupitres do colexio…. A educación pode contribuír á prevención do discurso do odio e socavar os prexuízos, ao debilitar os piares da ignorancia, promover a aprendizaxe da convivencia e fomentar o respecto cara a todas as persoas… Nun mundo onde o “local” está separado do “mundial” apenas pola pulsación dunha tecla, necesitamos un compromiso renovado no tocante ao diálogo, a tolerancia, a reconciliación e a comprensión, tanto en Internet como fóra dela.
Irina Bokova, Secretaria Xeral da Unesco. A educación como estratexia da prevención do xenocidio. Evento Ministerial Paralelo da Asamblea Xeral das Nacións Unidas, 27 de setembro de 2015)
O réxime nazi utilizou o poder dos medios masivos de comunicación para encirrar o racismo e demonizar os grupos que consideraba “razas inferiores”, coa fin de lograr o seu obxectivo radical de dominar Europa e destruír o pobo xudeu. No noso mundo, caracterizado pola interconexión, o mortífero potencial da propaganda aínda está presente, nun marco de tensiónss sectarias, terrorismo e persecución de minorías étnicas, relixiosas ou políticas. Por medio de actos públicos e de exposicións históricas, este Día Internacional pon de relevo as vías que poden conducir das expresións verbais de odio ás políticas violentas, e trata de sensibilizar a población verbo da necesidade fundamental de se opoñer ao poder nocivo da propaganda e de promover a educación baseada nos dereitos humanos, que pode contribuír a que a mocidade adquira as competencias fundamentais para desenvolver o pensamento».
Como xa teño lembrado aquí, o holocausto tamén inspirou un poema da miña autoría intitulado «O avance da locomotora» que só está publicado na colectánea 47 poetas de hoxe cantan a Curros Enríquez (Xerais, 2001), libro de homenaxe preparado polo profesor Xesús Alonso Montero como contribución ás actividades literarias do I Congreso Internacional Curros Enríquez e o seu tempo. Ese poema foi lido no coruñés Teatro Rosalía de Castro o 16 de setembro dese ano 2001, no mesmo teatro onde o noso gran poeta foi coroado o 21 de outubro de 1904.
Deseguida reproduzo o soneto inspirado nos campos de exterminio nazis, salientando que aló non morreron só xudeus, senón tamén comunistas, homosexuais ou xitanos.
O AVANCE DA LOCOMOTORA
Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!
Curros Enríquez
Máquinas rotativas ben impreso
deixaron o balor dun tempo mouco,
que faría inaudible, xordo e rouco
un estertor de bágoas, lume aceso.
E a máquina da luz e do progreso
en mans do ser humano, pouco a pouco,
converteuse en bourante motor louco
que nos cubriu dun fume negro espeso.
Tras as locomotoras a Trebinkla,
Auschwitz-Birkenau, Chlemno, Sobibor,
Belzec ou outros nomes do terror,
ninguén sorrí, ningún dos nenos brinca
e ollos de comunistas, de xitanos,
de xudeus, xa non poden mollar panos.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.