Breve crónica da presentación de Non quero xogar ás agachadas coa lúa, conto infantil de Estela Suárez Recouso e Héitor Picallo

EstelaSuárezRecousoXII-2015
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
As edicións dixital (nesta ligazón) e en papel do xornal La Voz de Galicia – Santiago publican unha breve nota acompañada da fotografía que reproduzo sobre a presentación este pasado venres 18 de decembro, no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa en Oroso, do conto infantil Non quero xogar ás agachadas coa lúa, de Estela Suárez Recouso e o ilustrador Héitor Picallo Fuentes, obra publicada por Edicións Fervenza coa colaboración do Concello de Oroso.
Na imaxe superior, de esquerda a dereita, o ilustrador Héitor Picallo, Estela Suárez Recouso, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás e e eu propio. Finalmente, non interviron o responsable de Edicións FervenzaManuel Núñez, nin o cantautor Manoele de Felisa, este último por mor dunha doenza da que agardamos unha pronta melloría.
Cada un de nós fixo un breve relatorio no acto, que eu abrín lembrando o meu coñecemento da autora e do seu talento narrativo (como xa relatei nesta anotación), mentres que Héitor Picallo concretou o procerso de elaboración das ilustraciós, mais ambos e dous fixémoslle unha batería de preguntas á autora, para facermos máis levadeira a presentación, que Estela Suárez Recouso foi quen de respostar con desenvoltura e nas que se falou do proceso creativo, tanto literario coma audiovisual. A autora lembrou de maneira especial a súa nai, contadora de historias que nunca se repetían e a súa irmá, da que devoraba os libros mesmo que non fosen acaídos para a súa idade.
En poucos días, contra o final do ano, ha ser a terra do ilustrador, Cuntis, onde se celebrará un novo acto de presentación da obra.
Velaquí a breve nota xornalística que acompaña a fotografía:
Estreno literario de Estela Suárez. La escritora Estela Suárez, de Oroso, presentó su primera publicación, el cuento infantil Non quero xogar ás agachadas coa lúa. Estuvo arropada en el acto  por el alcalde, Manuel Mirás, el escritor Miro Villar y el ilustrador del libro, Héitor Picallo.
Namentres autora e ilustrador asinaban exemplares da obra, coma fixeron co meu que abaixo se reproduce, aproveitei para conversar co Técnico de Cultura do Concello de Oroso, Manuel Pazos Gómez, que tamén é membro da asociación cultural Obradoiro da Historia de Ordes, quen me ofreceu, e moito llo agradezo, as súas interesantes explicacións sobre a mostra que comisariou sobre o fotógrafo local Victorino Verea Montero, alén de me agasallar co catálogo da exposición e coa súa última obra de memoria publicada polo Obradoiro, A República da Berxa. Antonio Gómez Carneiro e o seu tempo (1899-1979), unha documentada investigación sobre a figura de quen fora alcalde republicano do concello de Mesía e que estivo preso en cárceres franquistas. Obrigado!
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
EstelaSuárezRecouso01
EstelaSuárezRecouso02

Esta entrada foi publicada en Autografías, Banda deseñada, Infantil, Narrativa, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Breve crónica da presentación de Non quero xogar ás agachadas coa lúa, conto infantil de Estela Suárez Recouso e Héitor Picallo

  1. Pingback: As crebas » Estela Suárez Recouso: «Acordeime de miña avoa cando dicía que hai que deixar as cousas levedar, porque saben moito mellor. E levaba razón»

Os comentarios están pechados.