Presentación de Non quero xogar ás agachadas coa lúa, conto infantil de Estela Suárez Recouso e Héitor Picallo

EstelaRecouso01
EstelaRecouso02
EstelaRecouso00
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Mañá terei o inmenso pracer de facer labores de padriño no lanzamento da primeira obra literaria, que non ha ser a última vaticino, dunha ex-miña alumna no IES de Oroso, Estela Suárez Recouso.
A autora e o ilustrador Héitor Picallo Fuentes presentarán este venres 18 de decembro, ás 20.00 h, no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa en Oroso, o conto infantil Non quero xogar ás agachadas coa lúa, publicada por Edicións Fervenza e coa colaboración do Concello de Oroso. Alén da autora e do ilustrador Héitor Picallo, tamén estarán o alcalde de Oroso, Manuel Mirás e o do responsable de Edicións Fervenza, Manuel Núñez. O acto rematará coa actuación do cantautor Manoele de Felisa que interpretará diversas cancións infantís.
Sendo o seu profesor xa advertín o talento narrativo de Estela Suárez Recouso, alumna daquela de 4º da ESO, e moito lle insistín para que tratase de canalizar as súas inquedanzas literarias. Adoito facer isto moitas veces no desenvolvemento da miña profesión, porén as respostas dese alumnado inquedo non sempre chegan a materializarse. Non foi o caso de Estela, quen me fixo chegar tempo despois a primeira versión do seu conto Non quero xogar ás agachadas coa lúa. Xa desde un primeiro momento crin que a narración merecía ter vida en papel impreso e fixen de ponte para que o amigo Héitor Picallo ilustrase a obra. Tempo despois o libro colleu corpo e volvín facer de ponte coas editoriais para lle procurar un oco no seu catálogo, algunha non se dignou en dar resposta (algo que fala da pouca profesionalidade do noso tecido editorial) e outras argumentaron diversos motivos para non aceptaren a publicación, até que Xosé Luna e Manuel Núñez, das Edicións da Fervenza, deron o si, mesmo con entusiasmo que lles teño que agradecer. E foi a editora quen procurou o apoio económico do Concello de Oroso para que finalmente aquel conto, despois dunha longa viaxe desde o mecanoscrito até hoxe, vexa a luz nunha coidada e magnífica edición. E como sinala a nota da editorial: «A historia céntrase na relación de amizade que establece a lúa e o protagonista, un cativo chamado Xan».
Tamén da nota da editorial reproduzo a síntese biobibliográfica da autora:
«Estela Súarez Recouso está licenciada en Filoloxía Galega e actualmente atópase estudando Pedagoxía. O seu primeiro certame literario gañouno na súa localidade natal, Oroso, en 1999 momento no que comezaría a súa andaina literaria, sucedéndose diversos premios en certames de narrativa e relatos curtos. Entre os últimos recoñecementos recibidos atópase o primeiro premio á mellor curta no V Certame de Curtas para Rosalía da ASPG e o segundo premio do III Concurso de Curtametraxes E ti que ves? de Adega; ambos neste ano 2015».
En efecto, da súa querencia e bo facer como guionista e directora de curtametraxes no proxecto audiovisual Seica Animación xa teño falado nesta anotación de bitácora, un traballo que procura novas linguaxes narrativas.
Desde aquí os meus parabéns, que hei partillar co público, a Estela Súarez Recouso por este delicioso conto que recomendo como agasallo de nadal para crianzas de todas as idades.
E velaquí finalmente dúas das ilustracións creadas por Héitor Picallo. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño.
EstelaRecouso-HéitorPicallo01
EstelaRecouso-HéitorPicallo02

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Infantil, Narrativa, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Presentación de Non quero xogar ás agachadas coa lúa, conto infantil de Estela Suárez Recouso e Héitor Picallo

  1. Pingback: As crebas » Breve crónica da presentación de Non quero xogar ás agachadas coa lúa, conto infantil de Estela Suárez Recouso e Héitor Picallo

Os comentarios están pechados.