Ai capitán, o poema de Xosé Mª Díaz Castro na ollada de Xacio Baño


A conmemoración do poeta Xosé María Díaz Castro (1914-1990) no Día das Letras Galegas 2014 propiciou a aparición de novos estudos literarios sobre a súa obra ou tamén outras iniciativas creativas con esa referencia. Algunha destas últimas trascendeu o ano do poeta, como sempre debería acontecer, e seguen aínda na actualidade.
Velaí está a proposta artellada desde Acto de primavera, un blogue creado polos críticos e programadores Xurxo González, Martin Pawley e José Manuel Sande, co obxectivo de defender «as expresións fílmicas máis creativas -as que fixeron e fan avanzar o cinema- e apostar de maneira especial polos novos talentos, nomeadamente en Galicia».
De aí xurdiu o Proxecto Nimbos, que explican así:
«Tradutor políglota (manexaba polo menos doce idiomas) e poeta de corazón, Xosé María Díaz Castro (1914-1990) só quixo publicar en vida un único libro, Nimbos, 32 poemas en galego que foi pulindo durante anos até a súa definitiva aparición en 1961. Foi unha revelación, o descubrimento dun autor imbuído de preocupacións existenciais, afastado das tendencias do seu tempo e estreitamente ligado á natureza, á paisaxe fértil e exuberante da súa infancia e mocidade. Unha obra que abraza o misterio da vida, lírica pura que se presta á súa reinterpretación dende outros ámbitos artísticos.
Díaz Castro foi obxecto en 2014 dunha celebración institucional, o Día das Letras Galegas, unha escusa da que nos valemos no blog Acto de Primavera para formular outro tipo de tributo, máis aberto e libre: o dos creadores e creadoras cinematográficos que quixeron inventar imaxes a partir dos seus versos».
A día de hoxe, o Proxecto Nimbos aínda está en progreso, con moitas pezas realizadas e de obrigada visión. Porén, hoxe quero salientar a excelente curtametraxe de Xacio Baño por estar inspirada nun fermoso poema mariñeiro do guitiricense Xosé María Díaz Castro e que foi rodado preto de cabo Vilán. Coa curtametraxe tamén reproduzo a anotación previa coa que aparece e o poema de Xosé María Díaz Castro no que se inspira.
Publicado o 17 xuño, 2015
Curtametraxe de Xacio Baño para o Proxecto Nimbos, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Segunda versión elaborada na primavera de 2015 a partir de material gravado e editado o ano anterior.
AI CAPITÁN
Chorar, chorar, méntrelo barco rompe
contra o solpor, na noite!
A túa pipa non verán meus ollos
fomegar máis;
a túa risa, para sempre inmenso
abrente na mar.
Lume che din, cinza me queda. Cinza,
capitán!
Sola a sireia do teu barco
toda a eternidá.
Fume nos ollos, aréa fría
nas miñas maus.
I en boca que perdín, a longa pipa
fumando a miña vida, capitán.
Chorar, chorar,
como sempre choraron as mulleres,
ai capitán, con barcos ou sin eles!
Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Poesía. Garda a ligazón permanente.