«Negra Sombra» de Seica Animacion, premio «Curtas para Rosalía» da AS-PG


Negra Sombra from Seica Animacion on Vimeo.
Anda xa pola rede a curtametraxe de animación «Negra Sombra» realizada por Seica Animacion, con dirección e guión de Xoana Santos Álvarez e Estela Suárez Recouso e música de Selene Gómez Jorge, que foi o primeiro premio no certame «Curtas para Rosalía» convocado en maio deste mesmo ano pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), entidade que en breve tamén o dispoñibilizará no seu espazo web xunto a outras pezas premiadas.
Seica Animación preséntase no seu sitio web deste xeito:
«Somos unha produtora de animación que nace no 2014 coa idea de crear produtos audiovisuais non convencionais. Exploramos diversos materiais para darlle vida ás nosas ideas. Buscamos achegar a técnica do STOP MOTION ao público.
Xoana é graduada en belas artes e fixo un mestrado en Ilustración e animación stop motion. Nas nosas obras é a encargada da fotografía e das técnicas artísticas.
Estela é licenciada en filoloxía galega e está estudando pedagoxía. Encárgase da parte de guión e cando traballamos con video educativo ou facemos obradoiros, é a que elabora os contidos educativos que queremos trasmitir».
Persoalmente teño a satisfacción de que coñecín a Estela Suárez Recouso como alumna miña da ESO no IES de Oroso nos meus primeiros anos como profesor de Lingua e Literatura Galega, daquela aínda en expectativa de destino definitivo, e xa daquela as súas redaccións e os seus textos adoitaban ser de alta calidade e interese narrativo. E agora sorprendeume gratamente ollar materializado ese talento nesta creación audiovisual compartida. Os meus parabéns!

Esta entrada foi publicada en Cinema, Poesía. Garda a ligazón permanente.