Na presentación de Moraime, pequena vila con mar, de X. H. Rivadulla Corcón

Corcón2015
Created with Nokia Smart Cam
(Na primeira imaxe sinatura autógrafa e na segunda o autor asina o meu exemplar de pé, ás portas da taberna. Foto realizada con dispositivo móbil e pouca luz. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Onte á tardiña, na taberna da casa de xantar compostelá María Castaña, acompañamos ao poeta e narrador de estirpe muxiá X. H. Rivadulla Corcón na presentación do seu novo volume de relatos, intitulado Moraime, pequena vila con mar (Positivas, 2015).
Arredor duns viños de uva mencía e duns tapiñas de callos, que nun principio ían ser só para as persoas que lesen algún dos relatos, transcorreu a agradable e diivertida velada que autor e editor argallaron para presentaren o libro. De primeiras saudou á concorrencia o sempre lacónico e agudo Paco Macías e deseguida o propio X. H. Rivadulla Corcón deu lectura a «Moraime», o relato que abre este volume dun cento de contos e logo explicou a súa xénese, o feito de naceren como colaboracións diarias no programa radiofónico «Un día por diante» da Radio Galega. A voz de Corcón leu sempre os relatos nun microespazo que foi emitido entre os anos 2008 e 2009.
A vida dos habitantes dunha ficcional vila mariñeira chamada Moraime é a cerna duns relatos con grande dose de humorismo e de fina retranca que teñen a particularidade de conformaren unha serie, malia poderen ser lidos de xeito illado, e de estaren protagonizados por máis de medio centos de amigas e amigos do propio escritor, nas que hai artistas (Correa Corredoira, Paco Pestana…), moita xente do mundo do teatro e do audiovisual galego (Anabel Gago, Elina Luaces, Manuel Manquiña, Josito Porto…), da música (o tamén literato Xurxo Souto, Pazos de Merexo, Tino Baz…), da nosa literatura (Novoneyra, García-Bodaño, Xavier R. Baixeras, Teresa Moure, Xavier Seoane, María do Cebreiro…), con moita presenza de autoras e autores da Costa da Morte (Modesto Fraga, María Lado, Alexandre Nerium, Paco Souto convertido en taberneiro) mais tamén a crítica literaria Chus Nogueira, o libreiro Antón Pedreira ou o editor Manuel Bragado, que fai as veces dun doutor que sanda aos habitantes da vila, entre moitas outras sorprendentes caracterizacións.
De feito, na presentación algunhas destas persoas que tamén estaban entre o público fixeron unha lectura dalgún dos contos nos que aparecían, como a actriz Mónica Caamaño, os actores Pepe Soto e Pepe Penabade, o libreiro Pedreira ou a traballadora editorial Chelo Carreira, no que promete ser unha norma a seguir en vindeiras presentacións do volume.
O tempo botóusenos enriba e houbo que deixar a taberna na que aínda ecoaban os personaxes fabulados por X. H. Rivadulla Corcón, que agardan a nosa visita coma lectoras e lectores cheos de curiosidade.

Esta entrada foi publicada en Arte, Autografías, Contos, Música, Narrativa, Poesía, Presentacións, Radio, Teatro. Garda a ligazón permanente.