Galería de imaxes en defensa do sector leiteiro

Foi unha manifestación numerosa, mais pouco combativa na miña opinión. Até o remate, na Quintana, transcorreu moi silenciosa, case semellaba o funeral do sector leiteiro, e sen berrarmos case ningunha das “consignas” acordadas pola Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo, nas que non se recollía ningunha crítica ao Goberno Galego e á Consellaría do Medio Rural e do Mar, se callar para non molestar aos alcaldes do PP (como Ovidio Rodeiro, de Boqueixón, poñamos por caso) que se sumaron á convocatoria, supoño que co ánimo de a desactivar coa súa presenza.
Velaí os berros acordados que figuraban nunha folla voandeira e que pouco se berraron: “Xa está ben / de tanto roubar / o noso leite / haino que pagar”; “O leite galego / no noso Concello / crea riqueza / crea emprego”; “O sector lácteo / é un tesouro / cómpre defendelo / todas e todos”; / “Señor Feijóo / teno que amañar / o noso leite / estase a tirar”; “Xa está ben / de manipular / a Plataforma / non vai dobrar” e “O noso agro / é para todos / para os máis vellos / para os máis novos”.
Alén da cumprida asistencia, o mellorciño foi escoitar o comunicado final, elaborado polo xornalista pontevedrés Xabier Fortes (con familia de Cotobade, comentoume o académico Francisco Fernández Rei) quen lembrou a súa infancia no campo e reivindicou solucións para o despoboamento do medio rural.
Para lle dar cabo escoitouse o noso himnno nacional, coutado na metade e cantado por moi pouquiña xente, o que testemuña que o noso pobo non coñece ou non estima os seus sinais de identidade propia.
E eu, despois de saudar ao deputado nacionalista Cosme Pombo (para lembrarmos a súa estadía hai anos en Corcubión), a Manuel Antelo, alcalde nacionalista de Vimianzo, ou a Primitivo Iglesias, alcalde socialista d’A Pastoriza, que é coautor dos Dicionarios Xerais da Lingua, regresei lembrando aqueles memorables versos de Xosé Luís Méndez Ferrín, do seu libro Con pólvora e magnolias (1976):
En Compostela estamos / moitos xa para sempre derrotados.
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño. As fotografías foron tiradas con dispositivo móbil)
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam

Esta entrada foi publicada en Manifestos, Política. Garda a ligazón permanente.