Presentación mañá venres na Casa dos Alonso (A Guarda) da «V Mostra das Tradicións Mariñeiras» adicada aos gameleiros

MostraTradiciónsMariñeiras2015
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Mañá, venres, 17 de xullo de 2015, á tardiña (pois pola mañá andaremos na manifestación en defensa do sector leiteiro en Compostela) estaremos na convocatoria do Concello da Guarda e da Asociación de Redeiras do Baixo Miño-Atalaia na denominada Casa dos Alonso para asistirmos á presentación da «V Mostra das Tradicións Mariñeiras» que este ano vai estar adicada aos gameleiros, unhas xornadas que terán lugar os días 24, 25, 26 de xullo no Porto da Guarda, para divulgar e promocionar con diferentes actividades a vida mariñeira da Guarda.
Como adianto, alén da presentación das xornadas, inaugúrase unha exposición baseada no libro Gameleiros (Xerais, 2002), con fotografías do guardés Manuel Álvarez e poemas da miña autoría. Por esa razón Manuel e mais eu recibimos o convite de Javier Crespo González, concelleiro de Patrimonio, para estar no acto, cabo do alcalde Antonio Lomba e de membros de todas as asociacións colaboradoras nesta edición e unha representación das redeiras da Guarda.
Gameleiros, hoxe descatalogado por Xerais, fora presentado o 19 de setembro de 2003 na Lonxa do Porto da Guarda, nun acto aquí reseñado que contou coa actuación do cantautor e músico guardés Tino Baz e as palabras do director de Edicións XeraisManuel Bragado, así como coa presenza dos gameleiros fotografados por Manuel Álvarez neste volume.
Gameleiros

Esta entrada foi publicada en Exposicións, Fotografía, Poesía, Presentacións, Tradicións, Xornadas. Garda a ligazón permanente.