Galería fotográfica da presentación de Elos de cinza de Xosé Manuel Lobato

Elosdecinza29-05-15(1)
Elosdecinza29-05-15(2)
Elosdecinza29-05-15(3)
Elosdecinza29-05-15(4)
Elosdecinza29-05-15(5)
(Fotografías de ©Alba Rodríguez. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Este último venres 29 de maio presentamos Elos de cinza (Ezaro edicións, 2015), a nova entrega narrativa do amigo Xosé Manuel Lobato, na libraría Á lus do candil de Arteixo, que gobernan o poeta fisterrán Modesto Fraga e a súa compañeira Alba Rodríguez. Precisamente da súa autoría son as imaxes que conforman a galería fotográfica que testemuña o acto literario, con selecta concorrencia, entre quen puidemos saudar ao poeta Alfredo Ferreiro.
Non fixemos unha presentación ao uso e optamos por unha modalidade máis dinámica, a entrevista, na que eu fun o xornalista incómodo que lle realizou un cuestionario de dez preguntas ao autor. E Xosé Manuel Lobato non eludiu ningunha das preguntas e saíu airoso coas súas respostas, nas que desvelou moitos das pulsións nas que se alicerzou a materia narrativa da súa última obra.
Falouse das lembranzas e do que hai de autobiografía nese avó que conversa co seu neto dende os pousos da memoria. Falouse tamén da dialéctica narrativa entre personaxes reais, personaxes históricos e personaxes de ficción que percorrer as páxinas do libro. Falouse, e moito, da paisaxe e da natureza como elemento identificador na prosa de Xosé Manuel Lobato. E falouse, entre outras cousas, tamén do herdo que deixamos aos que veñen detrás nosa.
E como non todo vai ser literatura, ao remate aínda lle fomos mollar a palleta coa cervexa e a escoitar a música ao vivo na taberna A Baíuca, onde o temoeiro (aínda que seica andaba de concerto) vén sendo o Bieito Romero (acordeón diatónico, gaitas e zanfona) de Luar na Lubre e onde fomos cadrar co poeta oceánico Xosé Iglesias.

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Lendas e mitos, Narrativa, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Galería fotográfica da presentación de Elos de cinza de Xosé Manuel Lobato

  1. Modesto di:

    Grazas pola visita, Miro. O acto foi entrañable, dinámico e, á vez, moi enriquecedor. Os asistentes aínda estamos pensando por onde andará o Espírito Moura da novela de Lobato. Apertas atlánticas!

Os comentarios están pechados.