Na «Alameda literaria das árbores celtas» do IES Castro da Uz (As Pontes)

CarballoVilardeFrancos
(Carballo de Vilar de Francos en Artes-Carballo, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras. A fotografía é do xornalista © Santiago Garrido e provén deste excelso artigo seu en La Voz de Galicia)
A caixa do correo electrónico achegoume hoxe unha grata nova e un convite ao que non poderei asistir por motivos laborais. No IES Castro da Uz (As Pontes) veñen de crear unha «Alameda literaria das árbores celtas», fermosísima iniciativa que xunta a 21 árbores con cadanseu texto dun autor/a de Nós. A data de inauguración será o vindeiro día 18 de xuño, ás 11,20h., porén xa deron a coñecer a listaxe de árbores e textos escollidos (neste pdf POEMAS PARA A ALAMEDA).
Moito lles agradezo que un poema da miña autoría sexa compañeiro do Carballo. O texto que escolleron pertence ao poemario Gameleiros (Xerais, 2002, libro xa descatalogado).
QUINÓN
As nubes da incerteza ferintes coma o sol,
sempre sodes Ulises, hai sempre unha Penélope
que agarda con tecidos. E Ítaca está distante
mesmo que fose a penas unha marea de horas,
e Ítaca está distante mesmo que sempre volvas.
E deseguida a explicación do seu proxecto «Alameda literaria das árbores celtas», que inclúe o catálogo de árbores senlleiras e a relación de escritoras e escritores escollidos. Velaquí:
Dende hai anos, o alumnado do IES Castro da Uz (As Pontes) leva a cabo unha gratificante, pero dura e intensa actividade. Esta aventura comezou como un xogo para achegar o alumnado á orixe e significado do seu nome e apelidos. Logo quixemos achegalos á nosa cultura e centrámonos na importancia que a natureza, as árbores en concreto, tiñan para os celtas. Así naceu a idea de asignar unha das 21 árbores sagradas dos celtas a cada alumno e alumna da comunidade educativa, coñecendo o día e mes do seu nacemento. Quedaba deixar testemuña, por iso, hai 12 anos, o alumnado plantou cadansúa árbore no recinto escolar. Viñan anos de coidado, e cada grupo encargábase de regar, podar e aloumiñar cada unha das 21 árbores. Si, houbo algunha que non puido coas inclemencias meteorolóxicas, pero hai tres anos, as cinco que non resistiron, foron repostas por outras que, polo momento, seguen medrando en perfecto estado de saúde.  Non pensen que rematou aquí a activ idade, porque cremos que todo bo traballo debe ser continuado, de aí que se decidira identificar cada árbore co seu nome científico e popular, obxectivo que o alumnado realizou o curso pasado. Seguimos pensando e chegamos á conclusión de facer a nosa “Alameda literaria”, na que cada árbore estaría dedicada a un escritor/ -a das nosas letras. Etapa difícil: traballo de investigación, lembranza de lecturas, de autores e autoras que os marcaron, selección do texto que lembraría o seu bo facer literario, decidir entre moitos e moitas a quen sería dedicada a árbore, en fin… Intercambio de opinións moi produtivo. E aquí estamos. TODO REMATADO, pero falta o máis importante: a inauguración da “Alameda literaria das árbores celtas”.
Para que esta actividade teña un bo fin e un prometedor comezo gustaríanos contar coa súa presenza o día da inauguración. Só así poderiamos comezar a gozar dunha actividade comezada e rematada con toda a ilusión que moveu o alumnado deste centro. Compartimos con vostedes os/as autores/-as que serán lembrados/-as na “Alameda literaria das árbores celtas”:
ABELEIRA: HELENA VILLAR JANEIRO
ABETO: CELSO EMILIO FERREIRO
ÁLAMO: EDUARDO PONDAL
AMIEIRO: MARÍA MARIÑO
BIDUEIRA: ARGALLEIROS E ARGALLEIRAS DAS LETRAS
CARBALLO: MIRO VILLAR
CASTIÑEIRO: TUCHO CALVO
CEDRO: LOIS PEREIRO
CIPRÉS: A.D. RODRÍGUEZ CASTELAO
FAIA: ÁLVARO CUNQUEIRO
FIGUEIRA: LINO BRAXE
FREIXO: RAMÓN CABANILLAS
MACEIRA: FRAN ALONSO
NOGUEIRA: MANUEL RIVAS
OLIVEIRA: CELESTINO FERNÁNDEZ DE LA VEGA
OLMO: UXÍO NOVONEYRA
PIÑEIRO: ROSALÍA DE CASTRO
PRADAIRO: MARÍA LADO
SALGUEIRO: EDUARDO BLANCO AMOR
SOBREIRA: FRANCISCO CASTRO
TILEIRO: MANUEL CURROS ENRÍQUEZ

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Narrativa, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Na «Alameda literaria das árbores celtas» do IES Castro da Uz (As Pontes)

  1. CHELO di:

    Moitas grazas, Miro polas túas palabras.
    Agora deixo que escriban -algúns- dos verdadeiros protagonistas desta historia.
    Moitas grazas polas túas palabras. Estamos moi orgullosos de que a nosa alameda se faga máis famosa grazas o teu interese por publicitarnos neste medio.
    O teu carballo da alameda non é aínda tan grande como o da foto, pero tranquilo que será.
    Dicirche que achegámonos a túa obra grazas as túas gravacións que compartes en Internet, e encantáronnos.
    Botarémoste de menos na inauguración, pero enviarémosche un vídeo da nosa actuación ese día.
    Alumnos de 4º da ESO do IES Castro da Uz.

Os comentarios están pechados.