Os insondables misterios do mundo editorial galego (V): 23 de abril, Día Mundial dos Dereitos de Autor/a

DiaMundialdoLibro
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Todo o mundo sabe que mañá, 23 de abril, por iniciativa da UNESCO, aprobada nesta resolución de 1995, é a data escollida para celebrar o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor/a. E todo o mundo fará mención da primeira parte do enunciado desta conmemoración, mais poucas e poucos han facer recordatorio da segunda parte: Día Mundial dos Dereitos de Autor/a.
A miña experiencia de publicación nunha ducia de editoriais diferentes (algunha xa desaparecida) faime coñecedor como autor de que o mundo editorial galego fai moitas veces escarnio de nós e da nosa obra, por non falar directamente de pirataría ou de roubo.
Co meu periplo editorial podo dar fé e testemuñar o que supoñemos as autoras e os autores para as empresas que nos publican a respecto dos Dereitos de Autor/a que asinamos nos nosos contratos. A casuística é variada. Velaquí.
1º) No lado positivo estarían as dúas editoras máis profesionalizadas do País: Galaxia e Xerais. Na miña relación con elas podo dicir que ambas e dúas liquidan de maneira escrupulosa a porcentaxe dos Dereitos de Autor/a, aínda que a cifra de vendas sexa mínima a autora ou o autor recibe sempre a correspondente liquidación (ese exigüo 10% de cada obra, que pode baixar até o 7% ou o 5% se a obra é ilustrada e hai que partillar os dereitos coa autora ou autor das ilustracións).
2º) Nun segundo grupo, e a partir de agora non citarei nomes para seguir a ter no futuro onde publicar o que escriba, estarían aquelas que ás veces liquidan unha cantidade, non sempre, ou que cando menos permiten que a liquidación sexa transferida a cambio exemplares da propia obra. Son empresas con problemas que aceptan este sistema co que a autora ou o autor cando menos pode obter algunha mínima recompensa do seu traballo.
3º) Nun terceiro grupo, e aquí principia o peor do mundo editorial galego, están aquelas empresas que non contestan as reclamacións sobre esas contías e que nunca, absolutamente nunca, liquidan un céntimo de euro polos Dereitos de Autor/a.
4º) E, finalmente, as empresas máis piratonas que vou exemplificar cunha anécdota persoal, aínda sen revelar o nome da editorra. Hai uns anos fun convidado por un instituto a un encontro co seu alumnado de secundaria e desde a biblioteca ou do equipo de normalización lingüística, que para o caso é o mesmo, solicitam exemplares dunha obra da miña autoría a unha editorial. Pois ben, contestaron que non era posible porque o título en cuestión levaba tempo esgotado. Pasou o día e a súa romaría e de alí a unhas semanas empezaron a aparecer exemplares da obra en diferentes librarías. Que aconteceu? É obvio. Unha práctica que existe, por máis que sexa indemostrable, que a editorial fixera unha nova tiraxe sen llo comunicar ao autor, así de sinxelo.
Ata aquí a miña experiencia persoal que moitas e moitos autores do noso País poderían acrecentar, de feito teño escoitado historias semellantes ou aínda máis ruíns en boca de escritoras/es amigas/os.
Por esta razón, mañá, 23 de abril, eu sen deixar de conmemorar a primeira parte do enunciado desta data, Día Mundial do Libro, centrareime en reivindicar s segunda parte, Día Mundial dos Dereitos de Autor/a. E xa quixera para nós unha campaña como esta, que realizan conxuntamente a BBC e as escritoras e os escritores británicos.

Esta entrada foi publicada en Efemérides. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Os insondables misterios do mundo editorial galego (V): 23 de abril, Día Mundial dos Dereitos de Autor/a

  1. Pingback: O mundo editorial galego: das empresas que cumpren ás que practican a piratería | Letra en Obras

  2. Pingback: Dereitos de autor? Non me fagas rir… | Abaneando

  3. Pingback: As crebas » «Dereitos de autor? Non me fagas rir…», asisado artigo de Xerardo Méndez

Os comentarios están pechados.