No 101 centenario do nacemento de Octavio Paz

OctavioPazSignos
OctavioPaz
(Portada de Teatro de signos. Transparencias e fotografía de Octavio Paz. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Ao fío do 101 centenario do nacemento de Octavio Paz (Cidade de México, 31 de marzo de 1914 – 19 de abril de 1998), poeta e ensaísta mexicano que mereceu o Premio Nobel de Literatura en 1990, veño a recordar que fun e aínda son agradecido lector dos seus versos e dos seus ensaios poéticos, por máis que me afastase dos seus posicionamentos políticos liberais dos seus últimos anos que nada me interesaban.
De feito, a miña querencia pola súa lectura vén de vello, como demostra o feito de que na miña opera prima, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992), hai tres citas iniciais que abren o libro. A primeira é do poeta norteamericano Wallace Stevens (Poetry is the supreme fiction, madame) e a terceira do poeta francés Boileau (Un sonnet sans d’faut vaut seul un long poème), mentres que a segunda é un parágrafo de Octavio Paz, que non está tirado dun libro da súa autoría, aínda que pertence a El mono gramático (1974), senón do volume intitulado Teatro de signos. Transparencias. Selección y montaje de Julian Rios, (Madrid: Editorial Espiral, Fundamentos, 1974), no que o compilador e tamén poeta Julián Ríos realiza unha montaxe con fragmentos en prosa e fragmentos poéticos da obra de Paz. O anaco que escollín e que me pareceu sempre moi revelador vén afirmar:
El poeta no es el que nombra las cosas,
sino el que disuelve sus nombres, el que
descubre que las cosas no tienen nombre
y que los nombres con que las llamamos
no son suyos.
OCTAVIO PAZ

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Ensaio, Poesía. Garda a ligazón permanente.