Dous libros de poemas de libre acceso: Poética, de Fran Alonso e Cinsa, de Marta Dacosta

FranAlonsoPoética
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Na véspera do Día Mundial da Poesía apráceme dar conta nesta bitácora de dous libros de poemas de libre acceso que asinan un poeta e unha poeta da miña promoción ou xeración (Poesía dos 90) a quen moito estimo tanto como atento lector da súa obra literaria como desde o ámbito persoal da amizade. Con Fran Alonso e con Marta Dacosta, ambos e dous vigueses en curioso azar, teño coincidido ducias de veces nacelebración pública da palabra poética desque aqueles afastados tempos da revista Ólisbos, os amantes da palabra (1986-1997), que se editaba na Facultade de Filoloxía da USC e que foi berce e acubillo de moitas voces que seguen aínda hoxe a petar ben forte na nosa literatura.
A primeira referencia é a última proposta de literatura electrónica de Fran Alonso (Vigo, 1963), sempre na avangarda da poesía dixital, quen nos agasalla co seu libro Poética. En deficición do propio Fran: «É un libro de poemas de acceso libre que supón unha aposta clara pola poesía transmedia e dixital, algo bastante inédito ata o de agora».
Velaquí a ligazón que dá acceso libre ao libro de poemas:
http://www.poetica.gal
E sobre o seu proceso de creación, é ben interesante debruzarse aquí:
http://poetica.gal/sobre-o-libro/
A segunda proposta é unha reedición strictu sensu do libro Cinsa, de Marta Dacosta (Vigo, ), que xa fora anteriormente editado en acuática, a bitácora da poeta, despois de se fanar unha proxectada edición en papel que nunca chegou a ver lume.
Agora, na páxina web do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) pódese acceder a unha anovada edición dixital que permite ser baixada de balde, nunha actualización realizada por Miguel Anxo Mouriño. Antes de accedermos á descarga atopamos esta información sobre o libro:
«Cinsa é o que queda despois de arder, como a memoria é o pouso da vida. De cinsas e memorias vai este poemario; de situacións, vivencias, recordos, devanceiros… rescatados do pasado e peneirados polo persoal xirgo de Marta. O IEM comprácese en pór a disposición dos seus lectores, grazas á xenerosidade da poeta, este libro de poemas de Marta Dacosta, inédito en impresión tradicional. E neste día, no que se cumpren 49 anos do pasamento de Victoriano Taibo, recordamos que o mestre galeguista, escritor e poeta, lingüista, académico, home comprometido coa terra, a cultura e a lingua galega, aínda espera pola homenaxe dun Día das Letras Galegas»
E en palabras da súa autora Marta Dacosta: «Cinsa foi escrito hai once anos e concibido como unha especie de álbum de poemas en que ás veces hai unha anotación gráfica: fotografías actuais realizadas por Alfredo López, Tokio, ou a propia autora; imaxes antigas ou o debuxo titulado “Cronopio e tartaruga” de Aldán López Dacosta».
Velaquí novamente a ligazón onde se pode descargar o libro de balde:
http://www.minhor.org/component/content/article/42-destacados/1161-libros-dixitais-do-iem-para-descargar-cinsa-de-marta-dacosta
E a min tan só me resta parabenizar a Fran Alonso e a Marta Dacosta por este novo encontro co lectorado de poesía que lle ha (hemos) estar abondo agradecidos pola súa xenerosa achega.
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
MartaDacostaCinsa

Esta entrada foi publicada en Poesía e etiquetada . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Dous libros de poemas de libre acceso: Poética, de Fran Alonso e Cinsa, de Marta Dacosta

  1. Moitas grazas e apertas, Miro.

Os comentarios están pechados.