Memoria Literaria (XII): Adeus a Silver Kane, un dos meus autores predilectos na mocidade

SilverKane0
SilverKane1
O escritor e xornalista barcelonés Francisco González Ledesma, que acadou a súa maior relevancia co pseudónimo de Silver Kane, finou onte e foron moitos os testemuños que se achegaron ao seu legado literario, porén quixera salientar un retrato publicado antes do seu pasamento polo seu propio fillo, o xornalista Enric González, na dixital Revista FiatLux.
Moitos de nós fomos lectores de Silver Kane, como ben lembrou o escritor Agustín Fernández Paz nesta espléndida anotación da súa propia bitácora intitulada «As novelas de quiosco», da que reproduzo este fragmento:
(…)
Aínda que había unha grande variedade, distinguíanse catro xéneros principais: as de historias románticas, as do Oeste ou “de vaqueiros”, as policiacas e as de ciencia-ficción.
Se ben algúns autores asinaban co seu nome verdadeiro (como Marcial Lafuente Estefanía, figura principal nas do Oeste; ou José Mallorquí, autor da serie El Coyote; ou Corin Tellado (raíña indiscutible nas do xénero romántico), a maioría facíano cun nome ficticio, que as editoriais xulgaban máis comercial.
Deste xeito, na actualidade sabemos que Silver Kane era Francisco González Ledesma, hoxe recoñecido autor de novela negra; Keith Luger era Miguel Oliveros Tovar; Clark Carrados, o pseudónimo de Luis García Lecha; Curtis Garland, o de Juan Gallardo Muñoz, etc
(…)
A homenaxe de Agustín Fernández Paz fíxome (re)pensar na miña propia lectura na mocidade deste xénero de literatura popular ou de quiosco. En efecto, sendo rapaz pasei das primeiras lecturas e de libros como a serie Os cinco de Enid Blyton e cousas así a ter unha época de voraz lectura das novelas de quiosco ou populares, nas que se teño acordanza fun iniciado polo meu amigo e compañeiro de aulas Xosé María Costa Lago, hoxe licenciado en Historia e bibliotecario na Facultade de Filoloxía da USC.
As primeiras noveliñas debeumas emprestar Costa, se mal non lembro, mais logo gastaba a pequena paga semanal en ir ao desaparecido Cine España da miña vila de Cee (que nós chamamos Jiménez, apelido do dono, e ás veces con retranca tamén Timénez, onde vin os primeiros western) e en mercar algunha destas noveliñas no quiosco da alameda, o quiosco de Quino Recamán. Despois, algunhas delas as intercambiamos Costa e mais eu ou iamos ao propio quiosco e, sobre todo, a unha barbería, a de Manolo, onde por un módico prezo (agora non lembro a cantidade) cambiabas a túa novela ou novelas, pois eu levaba sempre un feixe delas, por algunha non lida, xa que o barbeiro tiña centos e centos ao noso dispór.
Dos subxéneros que fala Agustín Fernández Paz, e ao que eu engadiría as novelas de terror ou misterio, sempre tiven preferencia polas denominadas «do Oeste». E aquí vén a miña predilección por Silver Kane, que era o pseudónimo de Francisco González Ledesma. Sempre desbotaba as de Marcial Lafuente Estefanía e as de José Mallorquí tampouco me chistaban moito, unhas e outras semellaban demasiado iguais entre si ou esa era a impresión que daquela eu tiña. E procuraba sempre dous autores: Silver Kane e Keith Luger, pseudónimo este último de Miguel Oliveros Tovar, coruñés, fillo de militares destinados na cidade. Eran, con moito, os meus preferidos. Alén de que as súas historias eran máis enguedellantes, tiñan un erotismo suxerido, nada explícito, que a preadolescentes coma nós facía que nos fervesen as hormonas. Con Silver Kane moito aprendín, nomeadamente de léxico e de xeografía. Aínda hoxe lembro moitas cidades e vilas dos estados de Arizona, California, Kansas, Nebraska, Oregón, Texas, Utah e outros, que doutra maneira non sabería nin situar nun mapa, desertos como o Mojave, ríos como o Colorado e tamén os seus canóns, montañas como as Rochosas ou a Serra Nevada, os emprazamentos das reservas e dos territorios naturais das diferentes tribos indias e unha longa listaxe máis que faría esta anotación sobexo prolixa.
Foron moitas as horas de lectura durante algúns anos, que logo arrefriou por completo, e por esta razón Silver Kane, isto é Francisco González Ledesma, terá sempre un oco na miña memoria. E poucas persoas saben que antes de ser eu escritor monolingüe en galego, cando cursaba oitavo da EXB escribía unha noveliñas a man e editadas por min, nas que imitaba ao amado Silver Kane. Sei dun amigo e compañeiro de aulas, corcubionés, mais do que non direi o nome, que aínda garda algún deses exemplares que sinceramente espero nunca vexan a luz, por moito que fosen a primeira cousa que saíu da miña produción literaria, malia crer ben que non mereza ese nome.
Moitos anos despois, nunha desas asiduas conversas co crítico e amigo Xesús González Gómez, nas que tanto aprendín e aprendo, souben da biografía do autor edos problemas das súas primeiras novelas coa censura franquista, que foron o motivo principal de que nacese Silver Kane e que escribise máis de mil novelas populares, case unha por semana. E XGG sempre me dixo que era un excelente novelista da serie negra, malia a súa obra asinada como Francisco González Ledesma non ser tan divulgada e valorada.
Que a terra, talvez dos áridos territorios das súas novelas, lle seva leve a Silver Kane, Francisco González Ledesma!

Esta entrada foi publicada en Memoria Literaria, Narrativa, Obituarios. Garda a ligazón permanente.