ELO, a voz poética de Rosalía Fernández Rial e a música de Serxio Moreira

RosalíaFernándezRial
Cadrei coa poeta Rosalía Fernández Rial pouco antes do inicio da manifestación convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego o pasado domingo, 8 de febreiro, e aínda botamos unhas chanzas sobre a poesía nos palcos. Algo sabía deste novo proxecto lirerario-musical, mais non que a cousa xa estaba tan avanzada e hoxe, grazas a un chío no twitter das Edicións Positivas, souben que xa é realidade. E unha fermosa realidade, a xulgar polo avance que xa circula pola rede.
ELO é unha gravación na que dialogan, en marabillosa sintonía, a voz poética de Rosalía Fernández Rial e a música de Serxio Moreira. Os poemas dela proveñen dos seus dous últimos libros Vinte en Escena (Positivas, 2012) e Ningún amante sabe conducir (Positivas, 2014) e o video que recolle o proceso de creación foi gravado e realizado en Drum&Roll Estudios por Lara Capeáns.
Moitos parabéns e moita sorte nesta andaina á nosa amiga Poeta Rosalía e ao seu músico. Habemos facernos de contado con esta suxestiva proposta e unímonos ao chamado que facía o arriscado editor Paco Macías e que reproduzo deseguida:
Hoxe sae á luz o primeiro disco de elo, cos traballos: Vinte en escena e Ningún amante sabe conducir
Deixemos paso a esta xente nova, axudémolos.
ELO é a unión poético-musical entre a escritora Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988) e o pianista Serxio Moreira (Bilbao, 1977). Ambos veñen traballando xuntos en diversas montaxes nas que levan á escena a poesía de Rosalía musicada por Serxio. Neste 2015 acabaron de gravar os seus dous últimos traballos: Vinte en escena e Ningún amante sabe conducir, dous títulos que coinciden cos dos últimos libros da autora publicados por Edicións Positivas. Nesta dimensión sonora a autora-actriz aposta por unha lectura interpretada dos seus versos, mentres que a música se move en terreos da electrónica e o experimental. Todos os temas se poden escoitar na bandcamp do grupo:
http://proxectoelo.bandcamp.com/
E foron compartidos na súa páxina de facebook cada dous días ata onte:
https://www.facebook.com/proxectoELO
Aquí deixamos tamén un vídeo do proceso de gravación do disco de ELO:

Esta entrada foi publicada en Lingua, Música, Poesía. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a ELO, a voz poética de Rosalía Fernández Rial e a música de Serxio Moreira

  1. Pingback: Taboleiro do libro galego XXXI (febreiro de 2015) | Caderno da crítica

  2. Rosalía di:

    Moitísimas grazas, amigo e admirado Miro, por estas crebas atlánticas!! Nunca deixarei de aprender da túa palabra poética e das nosas conversas intra e extra-literarias! E esa certeza sempre me dá forza para seguir a navegar conxuntamente, por este pequeno país de confíns terrestres! Seguiremos remando!! Apertas irmáns!

Os comentarios están pechados.