Poesía para o entroido do Val de Maceda: Detrás na néboa o felo, de Alexandre Nerium

Felo01Felo02
(Portada do caderno poético e sinatura autógrafa. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
O amigo e camarada poeta fisterrán Alexandre Nerium non publicaba un libro individual de versos desde 2008, cando publicou o seu segundo libro, intitulado Nocturnidade do sal (Sotelo Blanco), antes xa vira a luz Vogar de couse (Espiral Maior, 2003). E nestes últimos tempos só era posible seguir o seu estro poético en antoloxías, como por exemplo Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega (Toxosoutos, 2013) ou nalgunha revista especializada como Dorna.
Esa demorada pausa na creación literaria vén de romper augas nunha nova publicación, Detrás na néboa o felo, un libriño ou unha plaquette xa que o ISBN non considera libros a volumes coma este con capa e 32 páxinas. E aquí hai un libro de versos ben potente, aínda que sexa breve.
A obra foi publicada por ese escritor, tamén poeta, e editor singular que se chama Emilio Araúxo. Se callar nunca terá o recoñecemento dos editores polo seu labor outsider, mais Emilio Araúxo dinamizou varias experiencias editoriais dignas de loanza, como Noitarenga. En 2011 botou a andar a revista e a colección de cadernos Amastra-N-Gallar, na que xa leva publicadas ducias de obras de pequeno formato e todas elas en edición non venal e de reducida tiraxe. Entre elas está a longa serie de «Felotextos» na que xa convidou a case medio cento de poetas, galegos (Lupe Gómez, Arturo Casas, Carlos Lema, María do Cebreiro, Santiago Prol, Daniel Salgado, Luís García Soto, Anxo Pastor, Bieito Iglesias, Séchu Sende, José Manuel Bouzo Limia e Miriam Sánchez Moreiras) e do mundo, nomeadamente franceses e ingleses, a escribiren os seus versos en diálogo co entroido tradicional do Val de Maceda, cadernos que tamén están dispoñibilizados na rede na páxina web felosdemaceda.com para descarga de balde.
Detrás da néboa o felo de Alexandre Nerium pode considerarse un único poema, pola unidade temática, ou unha breve serie que constaría de dez quintetos e un soneto, os primeiros cinco quintetos agrupados baixo o título «Ronsel doutra arribada» e os seguintes cinco co título «A máscara do mar» e o soneto final «Cinza», que é marca da casa e non podía faltar nun autor que é un excelente sonetista de factura clásica.
O caderno poético nace, pois, como unha proposta de diálogo formulada polo propio editor Emilio Araúxo que lle fornece ao autor dos versos once fotografías do entroido tradicional do Val de Maceda. As fotografías son da autoría de Marisa González Feijoo e recollen diversas imaxes do felo, esa carauta ou máscara tan característica do entroido do Alto do Arnoia.
Alexandre Nerium establece un diálogo entre o mar bravo, a atlántica Costa da Morte, e os seus oficios e as súas xentes, co pobo que corre o entroido ourensán do Val de Maceda. Velai como mostraxe inequívoca e evocadora a intensidade dos versos que pechan o libro: O mar esculca o vendaval vizoso. / Co paraugas da man baila inconsciente. / Do chocallo a harmonía, o seu saloma. // Simplemente vivir, grisáceo aroma, / requente sabor doce, aínda se sente / disfrazarse en Maceda o mar vidroso.

Na páxina web felosdemaceda.com aínda non se dispoñibilizou o caderno Detrás da néboa o felo de Alexandre Nerium. Por esta razón, na ligazón que segue, coa aplicación Calaméo e con licenza de autor e editor, permítome reproducir a totalidade deste fermoso caderno poético e deseguida reproduzo tamén os poemas de Alexandre Nerium, a quen reitero o meu agradecemento.

DETRÁS DA NÉBOA O FELO

Para
Marisa González Feixoo
e
para o pobo do Val de Maceda e o seu entroido

I

RONSEL DOUTRA ARRIBADA

Detrás da néboa o felo: abica o medo
escorrentando a ingravidez do día.
Novamente outro abismo, outra derrota:
cabelos de muller feitos sedelas
sentindo do ollomol a súa trabada.

Morno brúa o remorso entre os piornos.
Tralo tanxer a adversidade axexa.
Sen nada que escoitar voga o silencio.
Poida que sexa o son a interrogante.
É o esquital ronsel doutra arribada?

Pelicas de raposa, aigas en mitras,
brancos mouchos de endexamais regreso
cara á terra. Coa noite o val esperta
baixo as uces. No seu voar a anguria
cuberta de nostalxia e de xeada.

Treme coa dor o fustrigar da orixe.
Ataviar de alamares a inconsciencia.
Núa abordaxe da cinzarra: o orballo.
Abofé que o solpor a cor camufla.
E a vaga da soidade o ardor acada.

Carantoña: Quizais das carballeiras,
de cruel relasca ós ollos: mans desfeitas,
adoite o mar ser fume de palloza
de eterno buligar. Nalgún entroido
outro equinoccio arrostre a madrugada.

II

A MÁSCARA DO MAR

A máscara do mar ten ollos gacios.
Un sorriso de furna cada tarde
sostén na comisura o precipicio.
O acantilado afirma a súa ollada
desminte o que pasou ás sete vagas.

Sente a avidez dun xaramiño enfermo
golpeando das amuras o solsticio.
Podrece o tempo, absorto, na voráxine,
cara ás mitras sen luz e sen salouco
de aigas coas ás abertas, deslembradas.

Este caxato-mar xa non ten cura,
non volve guindar creba a estas coieiras
nin alpacas que agochen o infortunio,
tan só corpos comestos de gaivotas
e o salobre mentir da equidistancia.

Este mar inundouse de promesas
case efémeras, túrbidas, convulsas
contra os flocos das ondas intanxíbeis.
O anzol retrovisor desta hipotermia
semella da gravata a cor das ascuas.

No autobús da saudade o alento proe
coa asfixia dunha nube desangrada,
coa carauta mordaz da caramuxa.
Segue a nevar o vento e o sono morre.
Detrás da néboa o felo a voz apaga.

CINZA

Arrostra o mar a máscara do día
cun xesto azul de clara escuridade.
A chuvia entre as pupilas, a saudade
levemente marfil xunta a avreguía.

Rosma o solpor febril, queda utopía
ancorada na cinza: exhausta idade
que se perde mordaz na inmensidade,
que se agocha baleira na ardentía.

O mar esculca o vendaval vizoso.
Co paraugas da man baila inconsciente.
Do chocallo a harmonía, o seu saloma.

Simplemente vivir, grisáceo aroma,
requente sabor doce, aínda se sente
disfrazarse en Maceda o mar vidroso.

Esta entrada foi publicada en Autografías, Documental, Historia, Poesía, Tradicións. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a Poesía para o entroido do Val de Maceda: Detrás na néboa o felo, de Alexandre Nerium

  1. Pingback: As crebas » Detrás na néboa o felo, de Alexandre Nerium na Calaméo

Os comentarios están pechados.