Os exemplares asinados do meu poemario Gameleiros, con fotografías do guardés Manuel Álvarez, viaxan para Cuntis e A Coruña

Gameleiros
As persoas que seguen esta bitácora ou a miña conta de Twitter @MiroVillar puideron participar no sorteo de dous exemplares asinados do poemario Gameleiros, con fotografías do guardés Manuel Álvarez.
Para participar había que lle dar axeitada resposta a esta sinxela pregunta:
Unha gamela, que vén sendo na nosa lingua?
a) Emblema dunha coñecida taberna da cidade vella compostelá.
b) Pequena embarcación que se usa na pesca de baixura e como barco auxiliar, xeralmente de fondo plano, chata na proa e na popa. Chalana.
c) Embarcación con quilla alta e cadernas, proa bicuda, roda bastante lanzada, popa en estampa, aparellada con vela relinga a terzo.
d) Cadea que pendura dunha viga ou elemento similar situado no alto da lareira, cun gancho na parte inferior para suxeitar o pote sobre o lume.
e) Crustáceo mariño comestible da orde dos decápodos, parecido ao lagostino, pero moito máis pequeno, moi apreciado como alimento.
E as respostas debían enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.gal,
nun chío coa palabra-chave ou hashtag #gameleiros
ou nunha mensaxe directa dirixida á conta de twitter @MiroVillar
A resposta axeitada era «b) Pequena embarcación que se usa na pesca de baixura e como barco auxiliar, xeralmente de fondo plano, chata na proa e na popa. Chalana» e houbo oito persoas que atinaron, dúas a través de comentarios na bitácora e a outra media ducia fixérono nun chío ou nunha mensaxe directa na conta de twitter @MiroVillar.
Moito me agradaría que todas elas recibisen exemplares do libro mais non era posible e, coa axuda de Mar Cabaneiro, foron sorteados dous entre todas as respostas atinadas. Cada exemplar leva a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que o gañador ou gañadora sinale e esas dúas persoas foron:
susarins@yahoo.com.br (Susana Sánchez Aríns, Cuntis)
@AlegreDores (Dores S. Alegre, A Coruña)
Obrigado, moitas grazas a todas as persoas que participaron no sorteo.
E moitos parabéns ás dúas persoas premiadas e a gozardes coa lectura!

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a Os exemplares asinados do meu poemario Gameleiros, con fotografías do guardés Manuel Álvarez, viaxan para Cuntis e A Coruña

  1. Dores S. Alegre di:

    Moitísimas grazas! Gozaremos, gozaremos. Un saudiño.

Os comentarios están pechados.