O editor corcubionés Francisco Porrúa na agarimosa lembranza do escritor Francisco Fernández Naval

PacoPorrúaeGabo
(Na fotografía o editor corcubionés Francisco Porrúa conversa con Gabriel García Márquez, de quen leu e estimou o orixinal de Cien años de soledad)
O pasamento do editor corcubionés Francisco Porrúa aos 92 anos este pasado xoves non pasou desapercibido na prensa galega, catalá (pois vivía en Barcelona), española e latinoamericana, velaquí poñamos por caso o artigo a xeito de necrolóxica urxente que publicou o xornal colombiano El Tiempo. Porén, para nós, galegas e galegos de nación, a achega máis interesante sen dúbida son as dúas anotacións que publicou o escritor Francisco «Chisco» Fernández Naval na súa bitácora anoitebranca. Velaquí as ligazóns.
Francisco Porrúa (I)
Francisco Porrúa (II)
Estas dúas entregas recollen o capítulo que lle dedicou no seu recente O soño galego de Julio Cortázar (Linteo), do que xa falamos aquí. Recomendo a lectura deste volume e do devandito capítulo en particular, do que agora reproduzo os seus últimos parágrafos a xeito de entrante gorentoso.
(…)
Considera que ese é o oficio para alguén que se interesa pola literatura. A tradución, para el, é unha sorte de lectura microscópica, lenta, onde cada coma, a lonxitude das frases ou das palabras, ten importancia. Pensa que é un oficio duro, longo e ingrato, porque nunca chega o que un quere. Lembra que Valéry dicía que hai poemas abandonados e recoñece que tamén hai traducións abandonadas.
—O escritor escribe moitas veces o que non sabe, os personaxes revélanselle, buscan outro camiño, e o escritor… Non hai un dominio total do escritor sobre o texto. A crítica contemporánea que plantexa a morte do escritor e a primacía do texto sobre el, ben, é unha maneira de ler na que te atopas o que o escritor dixo e o que non dixo, o que o escritor non quixo ou non puido dicir e o que o escritor dixo por demais, sen se decatar, e no texto, nese senso, está todo, el revélao todo. O que eu vin na miña experiencia, en relación con isto da morte do autor, é que hai unha correspondencia bastante agochada e subterránea entre o escritor e a súa lingua, o seu xeito de falar, a súa dicción e a lingua falada. Hai aproximacións de estilo… Borges falaba de maneira moi semellante a como escribía, tamén Julio. García Márquez máis aínda. García Márquez fala exactamente como escribe, é dicir, a linguaxe común de García Márquez é sentenciosa. Por exemplo o rapaz que na beira do mar pregunta ó avó onde está a outra ribeira e o avó contéstalle: non hai outra ribeira. Ese é o xeito de falar de García Márquez. Pero o escritor sorpréndese moitas veces ó se ler e non saber realmente de onde vén o que escribiu.
É posible que todo Cortázar estea contido en Rayuela. Tamén Julio diría cousas das que non se decataba, palabras, frases, que interpretadas ao seu xeito por cada lector, constituiron un manual de educación sentimental, un xeito de entender a vida. Porrúa lembra que o primeiro capítulo de Rayuela que Julio escribe é o do madeiro, ese madeiro polo que Horacio trata de cruzar de fiestra a fiestra sobre un patio e ver a Talita… Ese oco, o do patio porteño, presente en toda a novela, é, en opinión de Porrúa, un oco existencial, a nada, un tema moi común na filosofía francesa contemporánea. Segundo el, toda a novela está trazada sobre esa angustia da nada, a presenza de algo nu diante do home. Considera que iso está moi presente en toda a vida de Julio e que merece unha lectura que teña en conta ese paso inicial sobre o oco, sobre o baleiro. Hai capítulos, o primeiro, por exemplo, que semella un Julio moi vistoso, moi colorista, poético, e de sócato iso interrómpese por reflexións de Oliveira, que son reflexións moi da última parte, do oco, da negación… Ou da saudade, poderíamos pensar. Porque tamén Porrúa, o galego sen saudade, sente a debilidade da negación e da nada. Hai días, nos que cando observa a cidade e o mar dende un piso alto en Barcelona, parécelle estar contemplando o Monte do Pindo segundo se mira dende Corcubión; e é que a saudade está máis prendida a nós do que ás veces pensamos, porque non só se trata de extrañar aquilo que deixamos, do que nos desprendemos, porque tamén está a nostalxia do paraíso perdido que é a infancia, a nostalxia da inocencia.
Francisco «Chisco» Fernández Naval

Esta entrada foi publicada en Entrevistas, Memoria Literaria, Narrativa. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a O editor corcubionés Francisco Porrúa na agarimosa lembranza do escritor Francisco Fernández Naval

  1. fernandeznaval di:

    Grazas Miro por difundir ese texto sobre o noso admirado e querido Paco Porrúa, personaxe singular e transcendente e moi pouco coñecido entre nós. Unha aperta. Chisco Fernández Naval

Os comentarios están pechados.