Entrevista no Noticieiro galego da xornalista Úrsula Lorenzo Ruibal


(Unha das fotografías que acompaña a entrevista, feita por Alba Rodríguez da libraría Á lus do candil, nela asino un exemplar do poemario As crebas (Espiral Maior, 2011) para Iván, a pedimento dos seus pais, Luz e o investigador literario e narrador Luís Lamela García na Feira do Libro de Cee 2013. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O dixital Noticieirogalego.com vén de publicar no seu espazo na rede a longa entrevista que me realizou a xornalista Úrsula Lorenzo Ruibal, a quen agradezo a súa atención, que se pode ler nesta ligazón, e que tamén reproduzo deseguida, na que deito reflexións sobre diversas cuestións relacionadas coa creación literaria. Velaquí.
Miro Villar: “Sen vida non hai literatura posible e, sen literatura non hai vida”
A paixón de Miro Villar polas letras e desas perciben só con escoitalo falar e empregar as palabras. Orgulloso da literatura galega, lamenta que esta se atope nestes momentos cun lectorado esquivo. Un lectorado que se botara man dos poemas deste namorado da Costa da Morte se toparía con temáticas tan nosas como o amor, a soidade, a nostalxia… Tan nosas e tan de todos. Como a literatura ó fin e ó cabo.
Normalmente é unha pregunta que non gusta, pero como escritor que tocou un pouco todos os xéneros, cal dirías que é a túa hábitat natural Miro?
A poesía, de sempre e por riba de todas as cousas. E síntome cómodo na investigación literaria, nomeadamente sobre a obra de poetas que me interesan por razóns diversas. Aínda que se respondese desde o ámbito da satisfacción persoal diríache que a miña obra infanto-xuvenil, porque a rapazada, sobre todo a máis miúda, é moi agradecida co que fas.
Empezar xa empezaches escribindo poesía. Recordas como e por que empezaches?
As primeiras publicacións foron en revistas escolares. Fóra dese ámbito os primeiros poemas meus que viron a luz e que aínda podo reivindicar, polo que recordo, foron publicados na revista Decrúa, de Muxía, por volta de 1985 – 1986, e noutras de ámbito comarcal, cara aos vinte anos. Foi unha etapa persoal moi introspectiva, e só abandonei esa temática para poetizar a paisaxe da nación galega, con especial énfase na Costa da Morte.
O meu interese pola poesía veu primeiro das lecturas escolares tanto da literatura galega coma da española, e tamén de maneira moi decisiva pola denominada canción de autor. As letras dos cantautores da chamada “nova trova cubana” (Silvio Rodríguez, Pablo Milanés, Amaury Pérez…), doutros cantautores latinoamericanos (Mercedes Sosa, Víctor Jara, Violeta Parra…), galegos (Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, A Quenlla, Miro Casabella…), portugueses (José “Zeca” Afonso, Fausto, as fadistas como Amália Rodrigues e as máis novas voces), españois, franceses, ingleses e norteamericanos, africanos, unha enorme listaxe de músicos que, as máis das veces, utilizaban letras de poetas ou facían poesía nas súas propias composicións.
E a partir de aí, unha vida vinculada á literatura… Como chegou a narrativa?
Foi grazas a aquelas persoas que confiaron na miña escrita á hora de lle dar un premio literario. Por exemplo, foi determinante gañar con vinte anos o prestixioso premio de narracións curtas Modesto R. Figueirido do Patronato do Pedrón de Ouro. Aínda que houbo premios anteriores este foi decisivo para continuar na escrita. E o primeiro libro publicado vén por conta dese certame, un volume colectivo no que están os relatos premiados, o meu leva por título “Augas de silencio”, gañou o premio en 1985 e publicouse xa en 1987. Ese mesmo ano volvín a recibir o primeiro premio co relato “Verbas cruzadas con Amaranta” (cuxo personaxe protagonista, por certo, está influenciado polo chorado Gabriel García Márquez, de quen fun e son devoto lector).
E volvendo á literatura para os nenos e os mozos, dirías que é máis difícil escribir para eles? O que é certo é que ten un valor fundamental no mundo da literatura, non? Obras de calidade para a mocidade debería supoñer novos lectores para o futuro…
Escribir, cando menos para min, non é doado en ningunha circunstancia. Ora ben, a escrita infanto-xuvenil precisa dun achegamento mental a ese lectorado e ás veces non resulta doado. Creo que a literatura para estes tramos de idade que se está a facer na nosa lingua é dunha enorme calidade e non fai falla que sexa unha afirmación miña, pois abonda con observar os recoñecementos que adoita acadar fóra do noso ámbito. E mesmo temos editoriais especializadas que están a conquistar novos mercados e novos lectorados, algún até exóticos, que falan de que se están a facer ben as cousas. Se cadra aínda é moi pequena, demasiado. a porcentaxe de obras que se traducen a outras linguas. E aquí boto de menos máis apoio institucional. A literatura irlandesa, poño por caso, goza duns apoios enormes para se promocionar fóra do seu territorio e a administración de Eire destina investimentos á tradución.
A nivel persoal, como xurdiu o teu interese por dedicarte a este lectorado?
Xa vén de moi vello. Iniciouse co primeiro libro de literatura infantil, da serie iniciada con Carlota, a marmota e que xa vai no terceiro Carlota e a gaivota patiamarela. Sempre quixen achegar a poesía rimada aos pequenos e estes contos manteñen esa estrutura. Nesta liña vén de aparecer o conto rimado A pantasma da casa da Matanza, que tivera unha primeira edición nun libro colectivo editado pola Fundación Rosalía de Castro. Agora saíu de novo, en Biblos, cunhas magníficas ilustracións de Xosé Cobas, un delicioso obxecto que xa foi recoñecido nos premios da Noite da Edición. Nese relato é importante coñecer o poema adoito coñecido como «Negra sombra», de Rosalía de Castro.
Que hai de ti nas túas obras? Da túa experiencia persoal, das túas vivencias… Con cal delas te sentes especialmente identificado?
No tocante aos temas non só me interesan os clásicos, a súa presenza obedece a que se pode afirmar que toda a literatura está neles: a amizade e o amor, a morte, a soidade, a nostalxia das persoas ou das terras, os conflitos e as guerras, e calquera tema que teña que ver co ser humano. Todas esas temáticas, e algunha máis (desamor, melancolía, paso do tempo…) son as que caracterizan a poesía que escribo. Novamente é o momento, o presente da escrita o que decide cal vai ser a temática. Con certeza, e non se trata dunha boutade, nin eu mesmo coñezo cal vai ser o tema dun poema ata que o texto está finalizado, e aínda así, porque moitos dos textos que escribo, malia a súa brevidade, poderían ser inseridos sen ningún problema en varias temáticas á vez. Dicía Paul Èluard que “toda poesía é de circunstancias”. As circunstancias da vida, engadiría eu. Polo tanto, é obvio que defendo a existencia dunha forte ligazón entre literatura e vida, aínda que non sexa a vida propia senón a doutros. Sen vida non hai literatura posible e, tamén, sen literatura non hai vida posible.
Ademais es tamén crítico literario. Dende esta óptica como valoras a situación da nosa literatura na actualidade?
Direino de maneira concisa. Unha diversa e excelente literatura na procura dun lectorado esquivo, quer por razóns de lingua quer por razóns de hábito lector.
Son a literatura e as humanidades un elemento que debería estar máis presente na nosa sociedade e nos plans de estudos das nosas escolas?
Dicíalle isto a Ramón Vilar Lavandeira (www.letraenobras.com) hai uns meses á pregunta de como avaliaba o momento polo que pasa hoxe a literatura galega? Coma unha moeda de moito valor e de escasa circulación. Explícome. Pola banda de arca a nosa literatura está nunha época feraz e de moito dinamismo, conviven nela varias promocións ou xeracións en plena produtividade, cultívanse todos os xéneros posibles, mesmo algúns que até hai moi pouco non tiñan tradición no noso idioma, e hai obras de moitísima calidade. Agora ben, pola banda de couso, temos dous graves problemas, que mesmo están incardinados. A situación regresiva da lingua que nos presenta un futuro pouco esperanzador, e non só polas continuas agresións que recibe o noso idioma senón porque a sociedade está a mudar e nesa muda semella desexar perder o seu maior signo de identidade.
E, en paralelo, a mingua do público lector atraído por novos soportes que está a levar a unha crise da literatura da que aínda non somos quen de agoirar a onde nos vai levar. Os meus amigos libreiros xa levan tempo advertíndome da crise de vendas, as feiras son agora case “descampados”, e non estou certo de que iso só teña a ver coa crise económica, senón tamén coa crise das humanidades, algo que apalpo todos os días nas aulas, como docente que son, onde o “lóxico” semella encarreirar ao alumnado cara ás ciencias.
Tamén hai en ti unha faceta de editor, en Edicións do Dragón, da que ademais fuches impulsor, Por que decidiches dar aquel paso? Como dirías que se atopa nestes momentos este sector?
Habería que llo preguntar ao poeta Paco Souto, verdadeira alma mater do proxecto, que foi quen nos enguedellou a Fran Alonso e a min nese proxecto alternativo, moi alternativo (douscentos cartapacios de cada título, case manufacturados).
O sector está en crise, en grave crise por diversos factores que os propios editores andan a facer públicos. Os inquéritos son teimudos, metade da nosa poboación nunca le e das persoas que o fan tan só unha pequena porcentaxe é lectora na nosa lingua. Sempre boto de man dunhas palabras do poeta alemán Arnfried Astel: “O home, para quen escribo, non le”. Velaí pois un dos maiores problemas.
Unha mágoa, sen dúbida…
E preocúpame especialmente o impasse ao que está sometido o selo especializado en poesía Edicións Espiral Maior, creado e dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, porque nesa casa publicouse a miña opera prima e outros títulos da miña autoría. E dóeme que se poida perder…
Dos premios que tes recibidos, que non son poucos, cal valoras especialmente? E cal dirías que é o máis importante?
Non foron tantos, porén o máis relevante ten que ver co meu poemario Abecedario da desolación (Espiral Maior, 1997) que tivo máis suceso fóra pois recibiu o I Premio Internacional de Poesía Tívoli-Europa Giovane, 1998, como o mellor libro europeo publicado por autores menores de 35 anos. Ademais neste premio as autoras e autores non se presentan, senón que o xurado fai unha escolla entre os libros publicados no ano anterior. De resultas do premio, algúns poemas foron traducidos ao castelán, portugués, italiano, francés, alemán, inglés, alemán, ruso, albanés e serbo-croata no volume Il cammino di Santiago. La giovane poesia d’europa nel 1997 (Melteni, 1998). Pois nin con esas recibiu demasiada atención por parte da crítica galega. Paradoxal!!!
Para min supuxo o recoñecemento máis importante que recibiu a miña creación literaria. E de maneira subsidiaria creo que tamén o foi para a literatura galega e para a nosa poesía en particular, pois un libro escrito na nosa lingua recibía ese premio outorgado por profesores e estudosos da literatura europea fronte a outras propostas de linguas moito máis coñecidas.
Proxectos de futuro Miro, en que andas metido nestes momentos? Algunha obra en proceso?
Un escritor, unha escritora, sempre ten algún proxecto a dar voltas na cabeciña, outra cousa é que logo esas ideas poidan ou non concretarse e iso xa depende de moitos factores. Nestes momentos non hai nada que sobarde o que son apuntamentos e hainos e son moi diversos.
Grazas por conversar connosco. Ata sempre!
A vós polo interese en divulgardes a literatura galega, tan necesitada de visibilidade.
Úrsula Lorenzo Ruibal



Nome: Arximiro Bautista Villar González (Cee, 1965)

Un lugar: Costa da Morte

Un hobby: lectura e viaxes
Unha comida: bacallao, nas súas múltiples receitas
Unha virtude: teríana que mentar outras persoas, tal vez honestidade
Un defecto: teríano que mentar outras persoas, talvez a timidez.
Un soño: unha Galiza dona de seu e orgullosa da súa lingua propia.

Esta entrada foi publicada en Contos, Ensaio, Entrevistas, Estudos literarios, Infantil, Lingua, Narrativa, Poesía, Premios, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.