Fisterra, a derradeira perla de occidente, o último libro do poeta Modesto Fraga


Andamos a ler Fisterra, a derradeira perla de occidente, o último libro do poeta Modesto Fraga. Trátase dunha guía de 136 páxinas, en edición de autor, que está estruturada nunha Introdución e 14 capítulos cos seguintes epígrafes: «Unha illa entre dúas beiras», «Da costa dos naufraxios á ferida», «Un mar de ausencias e orfandade», «A pegada da emigración», «A singularidade da fala», «Via XX Per Loca Maritima», «Un pouco da Historia», «A lenda da cidade de Dugium», «A ermida de San Guillerme», «A lenda da Orca Vella», «Festas e tradicións», «Roteiros para coñecer Fisterra», «Roteiros alternativos» e «Fisterra e o reto do Patrimonio Europeo», alén dunha Bibliografía final.
Arte, etnografía, patrimonio, xeografía, literatura, filoloxía, toponimia, gastronomía e moitas outras liñas que sintetizan todo o que unha persoa pode atopar e gozar no noso finis terrae atlántico.
A reprodución dun cadro do faro de Fisterra do pintor Nolo Suárez e un bo mangado de fotografías de seu irmán Iván Fraga (autor dunha bitácora ben interesante denominada A fraga dos mouros) ilustran o volume, maquetado por Alba Rodríguez, no que tamén hai lugar para algunhas fotografías históricas do arquivo municipal mais tamén dos célebres Ruth M. Anderson, Ramón Caamaño, Manuel Ferrol ou Alberto Martí, entre outros.
Un proxecto que nacera para unha colección de guías da AELG (Asociación de Escritores/as en Lingua Galega) e que non vira a luz serviu de xermolo e medrou nesta edición de autor que cómpre apoiar. Por esta razón reproduzo estas palabras do propio Modesto Fraga, tamén libreiro:
«Se desexas recibir no teu domicilio o libro Fisterra, a derradeira perla de occidente, solicítao no teléfono 615 48 45 07 ou ben no correo electrónico: luscandil@gmail.com
Mandarémoscho, asinado polo autor, e sen ningún gasto de envío. O PVP do libro é de 16 €. Fisterra, Patrimonio Europeo e Fin do Camiño».

Esta entrada foi publicada en Arte, Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Lingua, Narrativa, Poesía, Roteiros, Tradicións. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Fisterra, a derradeira perla de occidente, o último libro do poeta Modesto Fraga

  1. Modesto di:

    Moitas grazas, Miro. Por algunha estraña razón sempre considerei unha débeda persoal escribir un libro sobre Fisterra. Hoxe, por fin, cumprín con ela, para ben ou para mal. Graciñas, de corazón, polas túas palabras tan cálidas e cheas de afecto. Apertas oceánicas.

  2. María purificación Dominguez Suarez di:

    FISTERRA , a derradeira perla de occidente
    Es un Lazo que nos tendió este querido Amigo, a los que estamos en la emigración lejos del Terruño, para conocerla mucho mas, seguir unidos y recordar a la tierra que nos vio nacer …..
    La Morriña no nos deja olvidar y sobre todo la emoción de poder hacer ” o Fin do Camiño “

  3. Pingback: Fisterra. A derradeira perla de Occidente, de Modesto Fraga Moure | Caderno da crítica

Os comentarios están pechados.