Mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, co gallo do Día Mundial da Poesía (versión galega)


(Portada da antoloxía Poetízate, de Fran Alonso)
Neste 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, declarado pola UNESCO en 1999, non atopei por ningures a versión galega da mensaxe da súa Directora Xeral, Irina Bokova. Polo seu interese reproduzo nesta bitácora esa mensaxe (a versión que publico é de elaboración propia), que na miña opinión resulta de lectura obrigada. Os subliñados en negra son da miña autoría.
Mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, con motivo do Día Mundial da Poesía
A poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas por medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar de maneira sempre renovada a forma en que usamos as palabras e as cousas, e os nosos xeitos de percibirmos e interpretarmos a realidade. Grazas ás súas asociacións e metáforas e á súa gramática singular, a linguaxe poética constitúe, pois, outra faceta posible do diálogo entre as culturas.
Cada ano, o 21 de marzo, a UNESCO celebra o Día Mundial da Poesía e convídanos a reflexionar sobre o poder da linguaxe poética e o florecemento das capacidades creadoras de cada persoa. Consonte coa decisión da UNESCO, o principal obxectivo desta acción é apoiar a diversidade lingüística através da expresión poética e darlle a oportunidade ás linguas ameazadas de ser un vehículo de comunicación artística nas súas comunidades respectivas.
Por outra banda, este Día ten como propósito promover o ensino da poesía; fomentar a tradición oral dos recitais poéticos; apoiar as pequenas editoriais; crear unha imaxe atractiva da poesía nos medios de comunicación para que non se considere unha forma anticuada de arte, senón unha vía de expresión que lle permite ás comunidades transmitir os seus valores e foros máis internos e reafirmárense na súa identidade; e restablecer o diálogo entre a poesía e as demais manifestacións artísticas, como o teatro, a danza, a música e a pintura.
A decisión de proclamar o 21 de marzo como Día Mundial da Poesía foi aprobada pola UNESCO durante o seu 30º período de sesións, que se celebrou en París en 1999. A UNESCO anima aos Estados Membros a tomaren parte activa na celebración do Día Mundial da Poesía, tanto a nivel local como nacional, coa participación das ONG e das institucións públicas e privadas: autoridades locais, escolas, asociacións poéticas e culturais, museos, editoriais, etc.

Esta entrada foi publicada en Manifestos, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, co gallo do Día Mundial da Poesía (versión galega)

  1. Pingback: As crebas » A pantasma da casa da Matanza, premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil ou Xuvenil 2013 na Noite da Edición

Os comentarios están pechados.