Ditame da X edición dos Premios «Rosalía de Castro», organizados polo Centro PEN Galicia


(O escritor angolano Pepetela nun retrato de Nelson Paím)
Coincidindo coa conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro, o Centro PEN Galicia fallou os premios que levan o nome da escritora, instituídos en 1996 e de carácter bianual, e que teñen por obxectivo distinguir a traxectoria relevante de catro autores en lingua portuguesa, castelá, catalá e eúscara.
Máis unha vez fixen parte do xurado cualificador dos Premios «Rosalía de Castro», desta volta na súa X edición, que organiza o Centro PEN Galicia, coa colaboración da USC e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, malia non poder achegarme á última das sesións. Luís González Tosar (presidente do xurado), Xabier Castro Martínez (secretario do xurado), Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Inma López SilvaXosé Lois García e eu propio, decidimos outorgar os devanditos galardóns por unanimidade e previa deliberación a:
Artur Pestana, Pepetela (Benguela, 1941) é o narrador que resume o período de independencia de Angola e, como escritor, xa recibiu en 1997 o premio Camões.
Claudia Piñeiro (Buenos Aires, 1960) é descendente de emigrantes galegos e na súa traxectoria conta con títulos como Las viudas de los jueves ou Un comunista en calzoncillos, no que lembra a figura do seu pai.
Antoni Serra (Sóller, 1936) é narrador e xornalista, e na súa obra tamén destacan a súa produción memorialística, con catro importantes dietarios. Tamén é autor de novela negra.
Kirmen Uribe (Ondárroa, 1970) recibiu o Premio Nacional de Narrativa por Bilbao-New York-Bilbao (con tradución ao galego de Isaac Xubín). O seu último libro é O que move o mundo.
Os catro escritores recibirán o premio «Rosalía de Castro» en data a determinar, contra finais do mes de maio no salón nobre do Pazo de Fonseca, na Universidade de Santiago de Compostela.

Esta entrada foi publicada en Narrativa, Poesía, Premios, Teatro. Garda a ligazón permanente.