A pantasma da casa da Matanza, nas «Recomendacións» da libraría Á lus do candil


(Unha mellor lectura nesta ligazón)
Máis unha vez o blogue de Á lus do candil, a libraría que en Arteixo dinamizan o poeta fisterrán Modesto Fraga e a súa compañeira Alba Rodríguez, vén de publicitar outro libro da miña autoría, nunha anotación que, coma sempre, moito lles agradezo.
Desta volta, na sección fixa intitulada «Recomendacións» do pasado 20 de xaneiro, aínda que publicada o 1 de febreiro, anunciaban o conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos), con ilustración de Xosé Cobas.
Obrigado, moitas grazas pois de novo aos amigos Alba e Modesto polo afecto das súas palabras. Velaquí o texto que escriben:
«A pantasma da Casa da Matanza» é o título do novo libro de Miro Villar, un fermoso volume para nen@s -e para @s que non o son tanto- ilustrado por Xosé Cobas e publicado por Biblos Clube de Lectores. O propio título xa nos sitúa nunhas coordenadas claramente marcadas: Rosalía de Castro, a súa vida, a súa alma, a súa poesía. Escrito en verso, a voz omnisciente semella querer situarnos ao pé da cama, nos último días da nosa Cantora. E dinos: «Rosalía aprendeume devagar/ os segredos da escrita do poema:
unha sílaba aguda vai sumar, /a esdrúxula restar, pensar bo tema e nun branco papel todo apuntar». Marabilloso.
«A pantasma da Casa da Matanza». Miro Villar.
Edita: Biblos Clube de Lectores, 2013. PVP: 16 €

Esta entrada foi publicada en Contos, Narrativa, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a A pantasma da casa da Matanza, nas «Recomendacións» da libraría Á lus do candil

  1. Modesto di:

    Benquerido Miro:
    Sempre é un pracer recomendar a lectura dos teus libros, tanto de poesía coma de narrativa. Porén, o que máis nos gusta é lelos enteiriños, devoralos todos até non deixar unha soa verba no tinteiro. Gozamos moito con “A pantasma da Casa da Matanza” e se non entramos a fondo na recomendación foi por non matar a maxia dun relato que é un poema ou varios poemas que conforman un entrañable relato rosaliano. Parabéns e grazas, de corazón.

Os comentarios están pechados.