A Xanela. Revista cultural das Mariñas reseña a Poesía Completa de Gonzalo López Abente


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)
A Xanela. Revista cultural das Mariñas, que se edita a A. C. Eiravella de Betanzos e que coordina o noso benquerido amigo o historiador Xesús Torres Regueiro, continúa a súa feraz traxectoria ininterrompida (desde 1994) e vén de presentar o seu número 36, do Outono do 2013.
Alén das súas habituais seccións de Creación (na que como sempre sobrancea a poesía contemporánea galega, mais publican a miúdo versos portugueses, desta volta até achamos novamente un poema do noso caro amigo João Rasteiro, poeta de Coimbra), Historia e Memoria Histórica, Arte, Patrimonio, Música, Viaxes…
No habitual apartado intitulado «Publicacións. As novas que nos chegan», Suso Torres, baixo o pseudónimo de Baraxeiro, saúda a aparición de varios libros. E, como adoito, tamén dá conta do noso labor literario (algo que agradecemos máis unha vez). Desta volta, a breve recensión ocúpase da Poesía Completa de Gonzalo López Abente (Espiral Maior, 2012, en coedición coa Fundación López Abente) como se pode ler na reprodución.
E, máis unha vez, reiteramos os nosos máis efusivos parabéns á xente da A. C. Eiravella de Betanzos, por manteren esta vizosidade en tempos nos que se pechan tantas outras portas e xanelas para a nosa cultura e a nosa lingua.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.