A parroquia de Toba na páxina patrimoniogalego.net e nos meus versos




(Fotografías tiradas do proxecto patrimoniogalego.net. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Esta anotación sobre a páxina patrimoniogalego.net era unha débeda desde hai tempo, pois moito me agradan e interesan os seus contidos, dos que hoxe reproducirei nesta bitácora as tres fichas elaboradas na miña parroquia de Toba (Cee), parte fundamental do paraíso propio da infancia.
O sitio preséntase como «Un proxecto colectivo: inventariar todo o patrimonio cultural galego. O patrimonio é dos cidadáns. Esta web quere facer o patrimonio para os cidadáns. Coñecer que é o que temos e en que estado se atopa».
Aquí explican o Proxecto e o Equipo, e a día hoxe tan só lles restan 526 fichas para chegar aos 5000 bens catalogados!, polo que merecen ben os nosos parabéns polo seu excelente labor de compilación, estudo e investigación.
Xosé Troiano asina as tres fichas de Toba, que recollen o Cabazo da reitoral de Toba (nós dicimos ‘cabaseira’); o Cruceiro do Campo de Toba e a Igrexa de San Adrián de Toba, todas tres datadas en xullo deste 2013. Deseguida reproduzo os textos completos das fichas e as fotografías que os acompañan, aos que na páxina patrimoniogalego.net aínda lle engaden unha xeolocalización dos bens catalogados.
Mais antes diso engado aquí uns versos da miña autoría onde se cita a igrexa de Toba. Pertencen ao meu primeiro libro de poemas, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992), que rematei de escribir contra 1990. O soneto está na terceira parte do libro, intitulada «De ti e das palabras», que principia sempre cada poema co verso dun poeta moi coñecido, neste caso Fernando Pessoa do poema co mesmo título «Já ouvi doze vezes dar a hora», das súas Poesias Inéditas (1930-1935) e datado o 8-03-1931. Velaquí o soneto da miña autoría e a seguir as tres fichas:
VII
Já ouvi doze vezes dar a hora
no reloxo da igrexa que hai en Toba,
música de badalo que enche a alcoba
e que estará comigo nesta aurora.
Non entendo o porqué desta demora,
de non saber de ti nin unha nova
mais non hai deste cuarto quen me mova
nin quero espreguizar polo de agora.
Prefiro apodrentar de sede e fame,
só desexo e cobizo un apetito:
ter o teu corpo espido a carón miña.
Retornar de contado ao lento exame
escoitando o tremor máis inaudito,
trabexando con forza cada liña.
1. Cabazo da reitoral de Toba
Tipo de ben: Hórreo
Concello: Cee
Parroquia: San Adrián de Toba
Lugar: Igrexario de Toba
Cronoloxía: Descoñecida
Descrición:
Cabazo de tipo “Costa da Morte” de trece pares de pés troncocónicos, con amplos tornarratos cilíndricos coa parte superior convexa, serven de soporte á cámara, formada por pezas horizontais que semellan que non teñen a calidade ou acabado doutros exemplos, tan típicos e tan abundantes nesta bisbarra. Ábrense dúas portas pola cara norte e a súa sensación de rusticidade no seu elaborado é maior que noutros tipos. Os remates, non moi airosos desta construcción, elévanse sobre unha soleira de cachotería á que se lle apega a escaleira de acceso. Unha cruz e un pináculo piramidal axudan, no cumio, a racha-la horizontalidade desta grande cabaceira, cuberta con tella curva do país.
Propiedade: Privada
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Tradición oral:
Referencias bibliográficas:
Afeccións
Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación:: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
2. Cruceiro do Campo de Toba
Tipo de ben: Cruceiro
Concello: Cee
Parroquia: Toba (Santo Adrán)
Lugar: Adro
Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII) ,
Descrición:
Cruceiro de tipo “De Crucifixo” con plataforma cuadrangular de tres chanzos e pedestal cuadrangular achafranado. Ten un varal circular, comezando en cadrado cos paramentos recadrados onde ten unha inscrición que nos indica o ano: “… 1756″. O capitel é cuadrangular con ábaco de lados rectos e con volutas. A súa cruz é circular cos brazos con estrías. Polo anverso da cruz presenta a Cristo Crucificado con tres cravos e as mans abertas. Inclina a cabeza cara á dereita cunha coroa de espiñas e unha cartela coas siglas INRI. O pano de pureza vai anoado á esquerda. Polo reverso da cruz fica a Virxe en actitude de orar cos dedos das mans entrelazadso e cun rosario. O cruceiro é todo de granito cun bo estado de conservación.
Propiedade: Pública
Uso actual: Sen uso
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM) Ben de Interese Cultural
Tradición oral:
Referencias bibliográficas:
-MARTIN RUIZ, L.: “Cruceiros da provincia da Coruña”. Vol.I; Deputación Provincial da Coruña, 1999.
-http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/CEE/documents/0118CA002.pdf
Afeccións
Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación:: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:
3. Igrexa de San Adrián de Toba
Tipo de ben: Igrexa
Concello: Cee
Parroquia: Toba (Santo Adrán)
Lugar: Toba
Cronoloxía: Época Baixomedieval , Idade Moderna (XVI-XVIII) ,
Descrición:
Igrexa de planta de cruz latina cunha ábsida de reducidas dimensións. A nave presenta unha notable desproporción con respecto ó cruceiro, formado por dúas capelas moi pequenas. No lado norte ca capela maior atopámo-la sancristía e tamén neste mesmo muro existe unha pequena estancia, con acceso desde o exterior que serve para gardar obxectos litúrxicos. Ós pés está un coro ó que se accede por unha estreita escaleira de pedra. A capela maior cóbrese con bóveda de canón; o arco de ingreso que a comunica coa nave apóiase en dúas semicolumnas. A nave cóbrese actualmente con bóveda de canón de cemento, aínda que primitivamente tivo teitume de madeira a dúas augas. A fachada principal ó oeste componse dunha porta de luz rectangular sobre a que se abre un van tamén rectangular. Un baptisterio alóxase ós pés da nave cerrado por un arco de medio punto. As capelas do brazo do cruceiro cóbrense con bóvedas de canón de cantería. Ós pés do muro sur levántase unha torre, sobre un corpo cúbico de carácter pesado e macizo. A fachada segue un esquema pentagonal na súa disposición. Remátase cun acroterio en forma de cruz.
Propiedade: Privada
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM)
Tradición oral:
Referencias bibliográficas:
SORALUCE BLOND, J.R.; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, X.: “Arquitecturas da provincia da Coruña, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Muxía”. Vol.IV; Deputación Provincial da Coruña, 1997.
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/CEE/documents/0118CA002.pdf
Afeccións
Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Non
Estado de conservación:: Bo
Atópase en perigo nestes momentos?:

Esta entrada foi publicada en Arte, Fotografía, Historia, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a A parroquia de Toba na páxina patrimoniogalego.net e nos meus versos

  1. Xosé di:

    Boas tardes Miro.
    Moitas gracias pola miña parte e pola parte de patrimoniogalego.net de tan fermosas verbas para o noso traballo. É unha honra poder estar no teu blog e ademáis dicirche que pronto haberá máis novas desa paraxe fermosísima que é o Igrexario de Toba.
    Un saúdo, Xose Troiano.

Os comentarios están pechados.