O topónimo fisterrán (O) Rostro, por Fernando Cabeza Quiles


(Fotografía tirada das guías masmar. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
A curiosidade dun compañeiro no CPI Viaño Pequeno, de Trazo, e a miña propia e confesada ignorancia ao respecto levoume a lle procurar unha explicación ao topónimo fisterrán (O) Rostro, que dá nome a un dos areais máis coñecidos e máis bravos de toda a Costa da Morte.
A solución ás nosas dúbidas chegou da man do amigo escritor e especialista en toponimia, Fernando Cabeza Quiles, a quen coñezo desde a época do Batallón Literario da Costa da Morte. De feito colaborou en dous dos volumes colectivos que editamos:
AA. VV., Nós (1997). Corcubión: Concello de Corcubión. (Está recollido na rede no sitio de finisterrae.org)
AA. VV., Rumbo ás illas (1997). Ponteceso: Asociación Cultural Monte Branco, O Couto.
Alén de narrador, como especialista en toponimia Fernando Cabeza Quiles ten publicado ducias de artigos (velaí a súa entrada na galipedia) e tres volumes intitulados:
Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (1992). Vigo: Xerais. (Descatalogado)
Os nomes da terra: topónimos galegos (2000). Noia: Toxosoutos.
Toponimia de Galicia (2008). Vigo: Galaxia.
Este último está entre os materiais que adoito utilizar co meu alumnado. Figura como esgotado no catálogo da editorial e urxe unha reedición.
Fernando Cabeza Quiles deu resposta de maneira xenerosa, que moito lle agradezo, á cuestión que lle fixen chegar e velaquí o que nos dixo:
«Verbo do topónimo fisterrán (O) Rostro, naceu na punta litoral do mesmo apelativo, para despois dar tamén nome á praia contigua. Vén da voz latina Rostru(m), “pico de ave, morro, fuciño”, e, en xeral, “calquera cousa ou accidente xeográfico ou topográfico con forma de saínte”; valores semánticos idóneos para aplicar a cabos ou saíntes abruptos da costa, como a punta do Rostro fisterrá da parroquia de Sardiñeiro e outra así chamada que hai nas illas Sisargas. O Rostro sería así un topónimo similar ao do Morro, aplicado igualmente a saíntes costeiros, que proxectan ou alongan o seu “rostro” ou “morro” no mar. Tamén penso que os substantivos comunes “rostro” e “morro”, referidos a esas partes sobresaíntes do corpo humano ou dalgúns animais fociñentos, recollen a mesma idea significativa que os topónimos homónimos O Rostro e O Morro».
(Fotografía realizada por Ana García para La Voz de Galicia-Carballo)

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Historia, Lingua, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “O topónimo fisterrán (O) Rostro, por Fernando Cabeza Quiles

  1. Pingback: lagrimas de san lorenzo

Os comentarios están pechados.