Na homenaxe da libraría Biblos de Betanzos ao escritor Manuel Álvarez Torneiro


(A imaxe que testemuña a nosa presenza procede deste video dos informativos da TVG. Premer para agrandar o tamaño)
E o sábado estivemos na homenaxe que desde a libraría Biblos de Betanzos (o novo e ilusionante proxecto de Tucho Calvo e Carmela González) quixeron renderlle ao escritor Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932), quen vén de ser galardoado co mal chamado Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra Os ángulos da brasa, publicado na colección Tambo do selo Faktoría K, da editorial Kalandraka, sendo a primeira vez que esta distinción que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte recoñece a un autor por unha obra en galego. Os ángulos da brasa xa recibira o Premio da Crítica Española 2012, o Premio Ánxel Casal de Poesía 2012 que outorga a Asociación Galega de Editores e o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) 2013.
O acto recóllese neste video dos informativos da TVG e decorreu coa lectura por Manuel Álvarez Torneiro dun texto a xeito de (auto)poética, a lectura de varios poemas e un animado coloquio.
Na pequena e ateigada sala da libraría habilitada para espazo de arte e presentacións fixemos parte do público, entre o que tamén estaban o poeta e profesor Arturo Casas, os poetas Isidro Novo, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane, o narrador Xabier López, as profesoras e especialistas en estudos literarios Concepción Delgado Corral, Mercedes Queixas Zas, Camiño Noia e o tamén profesor e tradutor Xulián Maure Rivas, entre outros, aos que se engadiu un serodio Francisco Fernández Naval.
Velaquí as primeiras páxinas do poemario de Manuel Álvarez Torneiro na páxina de Kalandraka:

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios, Presentacións. Garda a ligazón permanente.