Unha anécdota que contaba o poeta muxián Gonzalo López Abente no retruque parlamentar de Xosé Manuel Beiras


Hai tempo que me interesan ben pouco a maioría dos discursos políticos e por esa razón non seguín o debate parlamentar do Estado da Nación (que aquí descafeinan co nome de Estado da Autonomía). Porén, seguín as máis breves intervencións dos retruques parlamentares ao presidente electo do Goberno Galego por maioría absoluta da lei D’Hondt mais non polo número de votos, inferior ao que sumaban as organizacións políticas da oposición.
Nesa quenda dos retruques, malia non estar nada mal o rosario de cifras que empregou no debate Jorquera Caselas (BNG), na miña opinión ninguén chegou á altura intelectual e ao nivel de discurso de Xosé Manuel Beiras.
Confeso que non o votei nas últimas autonómicas, porque non acredito na alianza que representa a Alternativa Galega de Esquerda, mais puiden gozar unha outra vez da dialéctica do profesor. Podo estar lonxe da súa estratexia electoral, aínda que estou moito máis lonxe de discursos como o do profesor Francisco Rodríguez (a quen tamén teño votado para as Cortes Xerais do Estado) nun artigo como o que publicou no dixital Sermos Galiza, que cualifica a Beiras de «traidor». Aborrezo este discurso pseudocatólico dunha persoa que leva media vida a cualificar co pecado da «traizón» as persoas que discrepaban no máis mínimo. Por suposto, tamén eu debo ser un «traidor», xa que militei pouco tempo na UMG, as mocidades da UPG, e axiña me distanciei do Partido. Mais isto évos outra historia.
Volvendo ao rego, e deixándonos de pontífices, encantoume escoitar no remate do retruque parlamentar de Xosé Manuel Beiras unha anécdota que seica contaba o poeta muxián Gonzalo López Abente. No video da cabeceira pódese escoitar esta narración, moi acaída á nefasta política de Feijoo, do minuto 10:10 aproximadamente até o remate.
Chapeu, profesor!

Esta entrada foi publicada en Historia, Manifestos, Narrativa, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.