Que a Terra che sexa leve, caro António Ramos Rosa



Horas negras para a Poesía, con maiúscula.
Pouco despois de escribir esta tarde unha anotación en memoria do poeta colombiano Álvaro Mutis através do twitter da RTP2 chégame a mala nova de que hoxe tamén se nos foi António Ramos Rosa (Faro, 1924-2013). E algún día alguén debería estudar a influencia deste autor na poesía galega dos oitenta e, xa menos, na dos noventa.
O poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, director de Espiral Maior, publicou en 1994 un libro inédito de António Ramos Rosa intitulado O Navio da Matéria, e así resulta ben sorprendente que a imprensa galega esqueza o seu nome sen un sinxelo obituario.
A miña propia obra non é allea ao seu estro. De feito uns versos da súa autoría «Tenho os olhos fechados de abertos de ternura» do seu poema «Sinto», que pertence ao libro matéria de amor (Editorial Presença. Colecção Forma. Prefácio de Arnaldo Saraiva), na actualidade descatalogado mais recollido na súa obra completa, inspiraron o poema R ou XIX do meu Abecedario da desolación (Espiral Maior, 1997).
Deseguida reproduzo ambos e dous, primeiro o texto de António Ramos Rosa e logo o da miña autoría:
Sinto
Sinto a perfeição de um corpo
e nos seus olhos perpassa um pouco o medo.
Serei eu quem tu vês?
Quem me abraçou outro dia não é já quem me abraça?
Sinto o não e o sim – e a inflexão da noite.
Vivo à superfície de um corpo negro e fundo.
O amplexo é real
e o que escrevo é o frémito.
Porque é tudo tão breve e tão longo, não sei.
Tenho os olhos fechados de abertos de ternura.
Tenho um pouco a paz de uma noite vivida.
 
***
 
R
Tenho os olhos fechados de abertos de ternura.
António RAMOS ROSA
XIX
teño os ollos pechados de abertos de tenrura
e dun amor de zume de flores e de abellas,
de meles e de labios, de xineceos de auga,
de lúbricos carpelos, de linguas de saliva,
de corpos de mareas das noites e dos días.
teño os ollos pechados de abertos de tenrura
pero este amor é soño de nada, que se espreme
no zume de laranxas dunha mañá calquera
mentres as flores murchan, esquecín deitar auga
nos xineceos secos desta veloz cidade.
teño os ollos pechados de abertos de tenrura
do mel que pousou a modo no vaso dos meus labios
e no café con leite dos meus amores breves
cos titulares frescos do xornal, mañanciña
lúbrica de chuvascos, de carpelos paraugas.
teño os ollos pechados de abertos de tenrura
de corpos que se cruzan sen rozar no desexo,
de mareas humanas que soben e que baixan,
de noites nas legañas, de semáforos verdes
na precipitación dos días da semana.
teño os ollos pechados de abertos de tenrura
pero nego o lirismo dun libro de neruda
ou dun cantar de cego, teño lixo nos ollos,
un corazón de laca, gomina nas palabras,
mírome nun espello no que están case todos.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Que a Terra che sexa leve, caro António Ramos Rosa

  1. Pingback: Finou o poeta portugués António Ramos Rosa, referencia para a poesía galega dos 80 | Letra en Obras

Os comentarios están pechados.