Vaise Álvaro Mutis, a súa obra literaria seguirá a nos conmover


(Na imaxe do 26 de setembro do 2008, de esquerda a dereita, Luis González Tosar, Mia Couto, Senén Barro -na altura Reitor da USC-, Álvaro Mutis, Ánxela Bugallo -na altura Conselleira de Cultura-, Joan Margarit e Jon Kortazar. Foto de Antonio Hernández para El Correo Gallego. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Foise o escritor colombiano Álvaro Mutis, outro dos enormes poetas que figuran entre as miñas lecturas, cando non hai moito tempo tamén nos deixaban Urbano Tavares Rodrigues e Seamus Heaney.
Da súa inmensa obra coñezo ben varios títulos de narrativa, nos que saliento a gozosa lectura dos magníficos Ilona llega con la lluvia (1988, que lin na edición de Alfaguara, 1997), levada ao cinema por Sergio Cabrera en 1996 e que vimos en Cineuropa, ou Abdul Bashur, soñador de navíos (Siruela, 1991), mais sempre me interesou de preferencia a súa poesía, que coñecín coa excelente antoloxía Summa de Maqroll el Gaviero. Poesía 1948-1988 (Visor, 1992).
Puidémolo escoitar en Santiago de Compostela en 1998 cando veu recibir un dos galardóns no “VII premio Rosalía de Castro» do Pen Clube de Galicia, nunha convocatoria que tamén premiou ao mozambicano Mia Couto, ao vasco Jon Kortazar e ao catalán Joan Margarit.
Velaí a crónica do xornalista Fran P. Lorenzo para Galicia Hoxe / El Correo Gallego.
Daquela évos tamén esta breve entrevista que lle concedeu ao xornal Faro de Vigo, onde é magnífica a resposta a esta pregunta:
¿Hay lugar para una visión poética de la realidad?
– Piense usted lo que ha sido el pasado del mundo. Hay épocas muchísimo más violentas y más aterradoras que la que estamos viviendo ahora. Las guerras que ha habido desoladoras en todas las épocas y la poesía sigue ahí, maravillosa, presente, testimoniando ese otro lado del hombre que es el que permanece vivo y que no muere en las batallas.
Sendo outro dos meus autores portugueses de referencia, a nova do seu pasamento onte en México, aos 90 anos, fai que esta anotación de urxencia recolla tamén estas ligazóns ás primeiras novas da súa morte (premer nos títulos):
Círculo de Poesía (México)
El País – Cultura
E, finalmente, esta lectura comentada en RTVE do seu poema «Visita de la lluvia».
Son algúns dos primeiros testemuños na súa memoria. Que a Terra che sexa leve, meu camarada das palabras!!!

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Historia, Narrativa, Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Vaise Álvaro Mutis, a súa obra literaria seguirá a nos conmover

  1. Pingback: As crebas » Que a Terra che sexa leve, caro António Ramos Rosa

Os comentarios están pechados.