Homenaxe a Moncho Reboiras no 36 cabodano


(Rafael Mouzo inaugura a rúa adicada a Moncho Reboiras cando era alcalde de Corcubión. Arquivo ANT)
Tal día coma hoxe, na madrugada do 12 de agosto do ano 1975, hai xa 36 anos, na ferrolá Rúa da Terra o militante nacionalista Xosé Ramón “Moncho” Reboiras Noia caía abatido polos disparos da policía española franquista. En 2009 o Ministerio de Xustiza do Goberno de España recoñeceu que Moncho Reboiras padecera ilexitimamente persecución e violencia, até lle daren morte, pola súa militancia política nacionalista e a súa implicación na loita sindical. Na miña mocidade lembro como o Concello de Corcubión, que tiña como alcalde a Rafael Mouzo Lago, foi a primeira localidade en dedicarlle unha rúa. E nesa vila coñecín ao poeta Darío Xoán Cabana (que andando o tempo había prologar o meu primeiro libro Ausencias pretéritas) e lin o poema que lle ten dedicado. Sei que con dezasete ou dezaoito anos escribín tamén un poema na memoria de Moncho Reboiras do que non conservo testemuño. Creo lembrar que era un soneto e que era bastante panfletario, mais non consigo traer á memoria ningún verso. E nos meus anos de militancia política (primeiro na UPG e logo no PCLN) teño participado moitas veces nos actos de homenaxe que tiñan lugar pola mañá no cemiterio de Imo (Dodro) e pola tarde na mesma Rúa da Terra do Ferrol. Porén, nestes tempos de minifundismo ideolóxico (cando menos catro siglas soberanistas diferentes convocan actos hoxe) prefiro refuxiarme máis unha vez nos versos e na música. Perdido aquel meu poema de mocidade, velaquí, nunha homenaxe popular unitaria que se celebrou o ano pasado no 35 aniversario da morte de Moncho Reboiras, a interpretación de Mini e Mero de “Alén do teu recordo”, unha fermosa canción baseada nun poema de Xosé María Díaz Castro.

Esta entrada foi publicada en Historia, Música, Poesía. Garda a ligazón permanente.