O mariñero-poeta Xosé Iglesias recita en alta mar o meu poema «Dioni» do libro Gameleiros


Obrigado, moitas grazas a Xosé Iglesias, o mariñeiro-poeta, autor da “Transfusión oceánica” e de quen xa falamos nesta bitácora aquí e tamén nestoutra anotación, despois de coñecérmonos persoalmente, malia que é natural da miña propia vila, na Homenaxe Nacional a Bernardino Graña (Cangas de Morrazo, 1932), celebrada n’A Coruña baixo o lema MEDRE O MAR! e organizada pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e o Colectivo ArTeu.
Naquela anotación xa se dixo que Xosé Iglesias escribe versos e mantén unha canle propia de videos en youtube ben interesante, con poemas de seu como «Transfusión oceánica», mais tamén con poemas que lle son queridos.
Este é o caso do video que achegou hoxe, no que máis unha vez en alta mar recita uns versos, deste volta o meu poema «Dioni» do libro Gameleiros (Xerais, 2002), feito en colaboración co fotógrafo Manuel Álvarez.
Saúde e medre o mar, compañeiro!
«DIONI»
En cada mariñeiro dorme un ser mitolóxico,
con dous potentes brazos que nas extremidades
se bifurcan en oito tentáculos ventosas,
e cando no horizonte venta a voz do perigo
espertan oito brazos a apegarse na vida.
[Gameleiros. Vigo: Xerais, 2002]

Esta entrada foi publicada en Cinema, Poesía. Garda a ligazón permanente.