En Éire (I): «Unha viaxe polos mares lendarios do atlántico celta», crónica de Xosé Ameixeiras



(Premer nas imaxes para unha mellor lectura)
A nosa viaxe a terras de Éire, a República de Irlanda, co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que preside Xosé María Lema Suárez e do que fago parte, entre os días 22 e 29 de agosto, tivo como adoito un cronista de excepción no xornalista Xosé Ameixeiras, delegado da edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia. Pepe Ameixeiras, habitual compañeiro nestas travesías, publicou o luns 26 de agosto, aínda en plena viaxe, a primeira das súas dúas amplas crónicas, asinadas co pseudónimo A. Lavandeira. Desta volta con parágrafos sobre Cobh, Cork, Killarney e a fistérrica península de Dingle.
Nesta ocasión relata os primeiros días da viaxe. É un pracer reproducir en imaxe dixital a súa crónica, como testemuño destas xornadas de lecer nas que tamén aprendemos moitas cousas da cultura e da historia destes territorios, principalmente polas disertacións do historiador e escritor Xosé María Lema Suárez, presidente do Semescom, moitas delas recollidas no documento co que nos agasallou antes de principiarmos a travesía. E velaquí máis unha vez o pdf coas cumpridas notas do noso caro presidente: guía Irlanda ilustrada.
A crónica tamén se publicou na edición dixital do xornal, de onde fago a tradución do texto para a nosa lingua. Velaquí:
Unha viaxe polos mares lendarios do atlantismo celta
A. LAVANDEIRA
26 de agosto de 2013
As Fisterras adoitan ser espazos solitarios situados fronte á inmensidade. No alén están illas paradisíacas situadas ao outro lado dos océanos. Son lugares que desde o principio dos tempos exerceron grande magnetismo. O Seminario de Estudos Comarcais de la Costa da Morte, deixándose arrastrar polo feitizo destes vértices lendarios do atlantismo celta, promoveu unha nova viaxe para completar os seus outros percorridos polos extremos xeográficos francés e inglés. Agora tocoulle a quenda a Irlanda. Esta fin de semana, unha expedición formada por máis de medio cento de persoas, na súa maioría profesionais do ensino, estiveron na península de Dingle, a Fisterra irlandesa.
O grupo partiu o xoves pola tarde do aeroporto de Santiago con destino a Dublín, capital do país de destino. A primeira visita foi a Cobh, último peirao no que se detivo o Titanic na súa primeira e derradeira viaxe, tres días antes do seu fatídico final a 400 millas de Terra Nova. Tamén estiveron en Cork, segunda cidade da república irlandesa, e Killarney, onde camiñaron polo seu parque natural, o primeiro que se declarou no país. No 2007 esta localidade recibiu o título de cidade mellor conservada de Irlanda. Os expedicionarios aproveitaron a noite para beberen a cervexa típica destas terras e escoitaren a música en directo nos seus ateigados pubs.
E por fin a Fisterra, nun día de orballo e borraxeira, que puxeron unha densa cortina fronte aos cantís e o mar da península de Dingle, como se as fadas non quixeran ensinar a súa tobeira. No extremo da región de Gaeltach, no condado de Kerry, está o cabo Garúan e enfronte, as illas Blasket, habitadas até 1953. En Dingle atracaban barcos españois e franceses. Actualmente é peirao base de moitos buques que pescan no Gran Sol. O venres, un camioneiro de Verín esperaba a arribada dun pesqueiro para trasladar as súas capturas aos mercados españois. Por estas paraxes andou nos anos 20 Plácido Castro del Río, xornalista, escritor e tradutor galeguista natural de Corcubión.
Dingle tamén foi o maior peirao de embarque de peregrinos para Santiago. A súa igrexa, do século XVI, está dedicada a Santiago. No percorrido do Seminario de Estudos Comarcais, que está comandado polo seu presidente, Xosé María Lema, e auxiliado pola secretaria, María Xesús Barbeira, figura Dunquin, a poboación máis occidental da península. Forma un escenario de amplos cantís, perante os que en 1588 naufragaron varias embarcacións da Armada Española. As traxedias do mar son comúns coa Fisterra galega e a Costa da Morte. Esta poboación foi escenario en 1970 da rodaxe da película La hija de Ryan, dirixida por David Lean e protagonizada por Robert Mitchum e Sarah Miles.
É a terceira Fisterra que visita o Seminario de Estudos Comarcais, xa que anteriormente estivo na Bretaña e fai dous anos en Cornualles. É, actualmente, a única entidade da Costa da Morte que organizou percorridos e análises por estes tres espazos que outros colectivos tratan desde fai varios lustros de poñer en contacto para desenvolver proxectos turísticos. No desprazamento, Lema Suárez ocúpase de ilustrar cumpridamente aos excursionistas con todo tipo de datos históricos, xeográficos e culturais relacionados co programa, mentres que Barbeira Pose se encarga da intendencia.
A penúltima parada da xornada do venres tivo lugar en Adare, unha pequena cidade que na súa vía principal conserva varias casas antigas co teito de palla. Teñen uns 200 anos de antigüidade. Actualmente están convertidas case todas en tendas. Un enorme campo de golf, unha vella abadía gótica e as ruínas dun castelo do século XIV atraeron a atención dos expedicionarios antes de realizaren a baixada definitiva do día, en Limerick, onde puideron admirar a catedral e o castelo do rei John, ás beiras do Shannon, un relaxante paseo baixo un orballo intermitente, que non acougou os desexos dos viaxeiros de se somerxeren nas magnéticas construcións lendarias do atlantismo celta.

Esta entrada foi publicada en Arte, Biografía, Cinema, Contos, Documental, Exposicións, Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Lingua, Literatura medieval, Música, Narrativa, Poesía, Política, Roteiros, Tradicións, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a En Éire (I): «Unha viaxe polos mares lendarios do atlántico celta», crónica de Xosé Ameixeiras

  1. Pingback: As crebas » En Éire (II): «Fin a unha profunda inmersión no celtismo atlántico», crónica de Xosé Ameixeiras

Os comentarios están pechados.