Unha nova crónica da presentación da Poesía Completa de Gonzalo López Abente



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño e facilitar a lectura)
Estando de viaxe por terras minhotas non puiden ler até hoxe o completo e interesante artigo da autoría do xornalista Juan Ventura Lado, publicado o venres 26 na edición en papel do xornal La Voz de Galicia, na súa edición comarcal de Carballo, sobre a presentación do volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente que viu a luz na colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, selo dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, en coedición coa Fundación Gonzalo López Abente (en cuxa páxina tamén se pode ler unha crónica dos actos).
Resumindo o esencial da conversa que eu propio mantiven coa xornalista Mar Varela días atrás no programa de Radio Voz «Voces de Bergantiños» e engadindo opinións do editor e poeta Miguel Anxo Fernán-Vello e de X. H. Rivadulla Corcón, tamén poeta e vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente, o artigo engade ademais a carta do académico Xosé Luís Méndez Ferrín que enviou para xustificar a súa ausencia e que se leu dentro do completo programa da segunda xornada dos actos do Cincuentenario do pasamento de Gonzalo López Abente. Un fermoso texto que confesa o interese que lle suscitou desde moi novo a lectura dos versos do vate muxián ao poeta ourensán, tan vencellado a Vilanova dos Infantes.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Unha nova crónica da presentación da Poesía Completa de Gonzalo López Abente

  1. Pingback: As crebas » A Poesía Completa de Gonzalo López Abente nas «Recomendacións» da libraría Á lus do candil

Os comentarios están pechados.