Encontro literario coa rapazada en Carnota



(Fotografía e cartaz da contada na Axencia de Lectura Municipal de Carnota. Fonte: Luísa Beiro Agulleiro, bibliotecaria. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
O dixital quepasanacosta fíxose eco da contada celebrada o pasado venres, 12 de xullo, ás 11,30 horas na Axencia de Lectura Municipal de Carnota, unha actividade de animación á lectura enmarcada dentro do programa «Ler conta moito» artellado pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e na que colaboran os concellos.
Nun espazo dentro da propia Axencia de Lectura Municipal de Carnota unha ducia de nenas e nenos e algúns dos seus maiores asistiron á narración oral e lectura comentada con proxeccións dos debuxos de tres contos rimados da miña autoría.
A primeira narración tiña moito a vez coa costa carnotá, pois Carlota e a gaivota patiamarela, a través das ilustracións de Enjamio, fala sobre a solidariedade nunha catástrofe provocada por unha marea negra semellante á do Prestige que tinxiu de galipote estas costas en novembro do 2002. Deseguida foi a quenda de Rebelión na charca, narrado a través das ilustracións de Ana Santiso, unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e o abuso de poder, e, finalmente, A cobiza do verme Noel, a través das ilustracións realizadas por Marta Álvarez Miguéns, sobre a maldade de atesourar todo sen partillar nada cos demais.
A bibliotecaria Luísa Beiro Agulleiro, alén de facer unha breve presentación, lembroulles que no catálogo da Axencia de Lectura Municipal de Carnota poden atopar o meu conto Carlota, a gaivota que non podía durmir, tamén ilustrado por Enjamio, e que os libros están para os levaren tamén para ler na súa casa.

Esta entrada foi publicada en Contos, Encontros, Infantil, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.