A mostra escultórica e pictórica de Viki Rivadulla «O meu mar» abre os actos do L aniversario do pasamento de Gonzalo López Abente, mañá en Muxía


(Peza «O meu mar» de Viki Rivadulla. Foto de Ubaldo Cerqueiro, quepasanacosta)
A mostra escultórica e pictórica de Viki Rivadulla intitulada «O meu mar», como o mellor poema de Gonzalo López Abente, continúa o seu percorrido.
Xa se contou aquí como foi a nosa participación cando se presentou en Carballo o pasado 1 de marzo e mañá sábado, 13 de xullo ás 20.30 horas, Viki Rivadulla xoga na casa, co que iso ten sempre de fermoso e perigoso a un tempo (por aquilo que se adoita dicir de non sermos profetas na propia terra). Será no Centro Social de Muxía -baixo do edificio de servizos múltiples da Camposa- e a inauguración fai parte dos actos que a Fundación López Abente celebra para conmemorar o 50 aniversario do pasamento do poeta muxián.
Desta volta, cabo da artista estaremos nesta inauguración o crítico de Arte Antón Castro e os poetas Rosalía Fernández Rial, Serxio Iglesias, Miguel Mato Fondo, X. H. Rivadulla Corcón e eu propio.
As actividades desta primeira xornada do cincuentenario do pasamento de Gonzalo López Abente continúan esa mesma noite coa estrea da partitura musical que o compositor Miguel Brotóns realizou do poema de Gonzalo López Abente «O meu mar», na voz da soprano Teresa Novoa e o pianista Alejo Moledo.

Esta entrada foi publicada en Arte, Música, Poesía, Xornadas. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a A mostra escultórica e pictórica de Viki Rivadulla «O meu mar» abre os actos do L aniversario do pasamento de Gonzalo López Abente, mañá en Muxía

  1. Pingback: As crebas » A inauguración da exposición de escultura e pintura «O meu mar» na voz da súa autora, Viki Rivadulla

Os comentarios están pechados.