O Roteiro do río Lor agarda por nós


(Video sobre o roteiro)
Chegou o tempo de lecer e a posibilidade de facermos unha longa camiñada, que sobarde as habituais dunha única xornada. Malia o anuncio dunha próxima vaga de calor nestes primeiros días de xullo, é de agardar que as previsións meteorolóxicas desde mañá, mércores, 3 de xullo, non sexan tan contrarias que nos fagan acorar polo camiño.
Na compaña do amigo e escritor Xosé Manuel Lobato, habemos percorrer o Roteiro do río Sor, que principia na igrexa santuario de Santa María A Real de Pedrafita do Cebreiro e remata na igrexa de Santiago de Augas Mestas, un total de 68 km., que ogallá poidamos completar, pois é moita a dureza dalgún tramo.
O roteiro foi creado pola asociación Santo Grial do Crebreiro e inaugurouse en maio do 2010 cunha serie de actos que tiveron como pregoeiro ao noso amigo o poeta Xulio López Valcárcel. Un anaquiño da súa intervención pódese escoitar neste segundo video elaborado sobre o Roteiro.
De sobrevivirmos á camiñada (ha, ha, ha), xa falaremos nesta bitácora da experiencia.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.