O mariñeiro-poeta Xosé Iglesias recita en alta mar o poema «Na outra banda do mar constrúen o navío» de Antón Avilés de Taramancos


De Xosé Iglesias, mariñeiro-poeta, xa falei nesta anotación, despois de o coñecer persoalmente, malia que é natural da miña propia vila, na Homenaxe Nacional a Bernardino Graña (Cangas de Morrazo, 1932), celebrada n’A Coruña baixo o lema MEDRE O MAR! e organizada pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e o Colectivo ArTeu, da que xa falamos aquí e acolá.
Naquela anotación xa se dixo que Xosé Iglesias escribe versos e mantén unha canle propia de videos en youtube ben interesante, con poemas da súa autoría como «Transfusión oceánica», mais tamén con poemas que lle son queridos.
Este é o caso do video que achegamos hoxe, no que máis unha vez en alta mar recita un poema, deste volta ese magnífico texto de Antón Avilés de Taramancos (1935-1992) que principia co verso «Na outra banda do mar constrúen o navío» do libro As torres no ar (Sotelo Blanco).
Curiosamente este é un dos meus poemas de cabeceira e foi o que escollín para o proxecto da AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega) que nos solicitaba a lectura de textos propios e dun poeta a reivindicar. O meu dicir de «Na outra banda do mar constrúen o navío» de Antón Avilés de Taramancos é ben moito máis maino que a poderosa interpretación que realiza o amigo Xosé Iglesias en alta mar. Velaquí nesta ligazón a miña calma lectura.

Esta entrada foi publicada en Gravacións, Poesía, Televisión. Garda a ligazón permanente.