Encontro literario coa rapazada en Ribeira



(Fotografía da contada na Biblioteca Municipal de Ribeira, ou Riveira como escriben por aló. A foto está tirada do xornal dixital Certo. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
E premendo nesta ligazón o cartaz da actividade en pdf:
cartel_sabados_de_libro_2013
A mañá do pasado sábado, 11 de maio, na Biblioteca Municipal de Ribeira, estiven a protagonizar unha nova actividade de animación á lectura dentro do programa «Ler conta moito» artellado pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Nun espazo dentro da propia Biblioteca Municipal de Ribeira máis de medio cento de nenas e nenos e uns vinte de alumnado da Asociación Amicos asistiron á narración oral e lectura comentada con proxeccións dos debuxos de tres contos rimados da miña autoría: Carlota e a gaivota patiamarela, a través das ilustracións de Enjamio, sobre a solidariedade nunha catástrofe provocada por unha marea negra; Rebelión na charca, narrado a través das ilustracións de Ana Santiso, unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e o abuso de poder, e, finalmente, A cobiza do verme Noel, a través das ilustracións realizadas por Marta Álvarez Miguéns, sobre a maldade de atesourar todo sen partillar nada cos demais.
Na organización estiveron José Antonio Otero Saborido, arquiveiro e bibliotecario, e Alicia Padín, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Riveira e antiga compañeira de aulas na Faculdade de Filoloxía, quen realizou o labor de presentación. A crónica da actividade pódese ler no xornal dixital Certo, a quen agradezo a difusión. Velaquí o texto que acompaña a información.
Ribeira: medio cento de rapaces escoitaron atentamente as historias do escritor Miro Villar
Ribeira, 13 de maio de 2013.
Máis de medio cento de nenas e nenos acudiron o pasado sábado á Biblioteca Municipal para presenciar o espectáculo ofrecido polo escritor, transfigurado en contacontos, Miro Villar. Os pequenos pasárono en grande con esta proposta lúdico-literaria, que forma parte da programación do Maio Cultural organizada polo Concello. Na actividade tamén estiveron presentes integrantes da Asociación Amicos.
Quen é Miro Villar?
Nado en Cee no ano 1965, Miro Villar é doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de Lingua e Literatura Galega, ademais de poeta, narrador, tradutor, crítico literario, e contacontos. Algunhas das súas obras están dirixidas ao público infantil e xuvenil con títulos tan coñecidos como: Carlota, a marmota (Xerais, 2000); Carlota e a bota perdida (Xerais, 2003); Carlota e a gaivota patiamarela (Xerais, 2006); O nariz de Fiz (2009); A cobiza do verme Noel (Galaxia, 2011); Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2012).
De maneira máis breve, tamén se ocupou do acto a edición dixital do diario La Voz de Galicia – edición da Barbanza, acompañada da fotografía que segue.

Esta entrada foi publicada en Encontros, Infantil, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Encontro literario coa rapazada en Ribeira

  1. Alicia Padín di:

    Foi un pracer escoitar a Miro contando… Hai que repetilo!

Os comentarios están pechados.