A gravación de tres poemas de Gameleiros no portal poesiagalega.org


(Cuberta do CD editado polo Consello da Cultura Galega en 2006)
O proxecto poesiagalega.org, dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas, sufriu os atrancos e os problemas provocados polas retalladas no diñeiro público para a investigación, que cando se tratar das Humanidades aínda foi moito máis selvaxe. Porén, como graos de millo, no devandito portal continúan a referenciar e facer acubillo de moitos materiais poéticos, ás veces dispersos ou inencontrables, que dispoñibilizan para o público.
Entre as últimas novidades que ofrecen e que veñen gozosas, aínda que sexa pouquiño a pouco, posibilitan a escoita de tres poemas do meu libro Gameleiros (Xerais, 2002), feito en colaboración co fotógrafo Manuel Álvarez. Trátase dos intitulados «Dioni», «Che» e «Cama de piedra», que pertencen a unha gravación realizada en 2006 polo Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega.
No portal poesiagalega.org unha entrada común e reproducen o son e a letra do poema, de tamén ofrecemos aquí deseguida.
Descrición: Gravación pertencente ao volume 2 de Poetas e narradores nas súas voces, publicado polo Arquivo Sonoro de Galicia (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2006).
Tipo de son: Audio creación
Formato: mp3
Fonte: Consello da Cultura Galega
Dereitos: Consello da Cultura Galega
villar_2006_dioni
(premer na ligazón para o audio)
“DIONI”
En cada mariñeiro dorme un ser mitolóxico,
con dous potentes brazos que nas extremidades
se bifurcan en oito tentáculos ventosas,
e cando no horizonte venta a voz do perigo
espertan oito brazos a apegarse na vida.
[Gameleiros. Vigo: Xerais, 2002]
villar_2006_che
(premer na ligazón para o audio)
“CHE”
No deserto que somos calquera pescador
é home que multiplica peixe e pan para os seus,
en completo silencio reinventa o evanxeo
segundo San Mateo. Nunca haberá cronistas
para daren noticia do cotián milagre.
[Gameleiros. Vigo: Xerais, 2002]
villar_2006_cama
(premer na ligazón para o audio)
“CAMA DE PIEDRA”
Os listos ollos aguias do mariñeiro nunca
leron libros de Stevenson, Melville, London, Verne,
pero os dedos buliron en páxinas de tinta
onde estaban escritas as marcas do mar, cofres
ocultos que abre a chave do aparello da vida.
[Gameleiros. Vigo: Xerais, 2002]

(Dioni na fotografía de Manuel Álvarez. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Gravacións, Poesía. Garda a ligazón permanente.