Breizh, presentación na libraría Á lus do candil (Arteixo), mañá venres ás oito da tardiña


Mañá venres, día 1 de marzo, ás oito da tardiña, a libraría Á lus do candil (Arteixo), do amigo poeta fisterrán Modesto Fraga e a súa compañeira Alba, vai acoller a segunda presentación ou lanzamento do meu libro de poemas Breizh (Toxosoutos).
Desta volta, no acto terán a palabra Xosé Mª Lema Suárez, presidente do Semescom (Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte) e autor do Limiar.
Agardamos contar coa túa presenza. No entanto, podes achegarte ao libro nesta recensión do crítico e profesor Ramón Nicolás, publicada na súa bitácora cadernodacrítica ou nesta lectura persoal do crítico e escritor Xesús González Gómez.
Saúde, Poesía e unha aperta atlántica.
O adianto da presentación foi recollido en diversos xornais como La Opinión e La Voz de Galicia, na súa edición comarcal, esta última fai unha breve descrición do poemario. Velaquí:
«O escritor ceense Miro Villar achegarase este venres (20.00 horas) a Arteixo para presentar, na libraría Á Lus do Candil, do fisterrán Modesto Fraga, o seu último poemario, Breizh, editado por Toxosoutos.
A obra é unha das candidatas a recibir o premios Ánxel Casal, que entregará en Vigo o vindeiro 15 de marzo a Asociación Galega de Editores.
O poemario recrea en forma de haikus (poemas breves de orixe xaponesa) algunhas das lembranzas dunha viaxe que fixo á Bretaña francesa co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) e cada un dos haikus convértese en guía das distintas etapas do percorrido. Precisamente, na presentación que realizará en Arteixo, Miro Villar estará acompañado polo presidente da entidade, Xosé María Lema Suárez, responsable do limiar de Breizh».

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.