No, a película de Pablo Larraín sobre a ditadura chilena



(Trailer e unha das escenas da película chilena No de Pablo Larraín)
O peche das salas dos Multicines Compostela empobreceu de maneira considerable a posibilidade de ollarmos un cinema diferente ao que asolaga as cartelairas comerciais, de quitado das proxeccións que en novembro adoita traer o programa do festival Cineuropa.
Este baleiro obrigounos a unha fugaz visita á cidade coruñesa, pois nunha das salas Filmax no peirao estaba a proxectarse No, a película chilena dirixida por Pablo Larraín e que está seleccionada para o Óscar á mellor película estranxeira.
Tiñamos varias razóns para ollar o filme e non saímos defraudados. O argumento narra a historia do plebiscito que en 1988 puxo fin a 15 anos de ditadura de Augusto Pinochet iniciada en 1973, coa morte violenta do presidente socialista Salvador Allende. Un acontecemento que, malia producirse cando eu era apenas un raparigo, encheu de emotividade e ideoloxía toda a miña mocidade. Moitos documentarios, moitas lecturas, mesmo moita música que escoitaba nesa altura, tiñan a ver co fascista golpe de estado de Pinochet. Lembro escoita,r até que a fita magnetofónica deu en romper, fermosos discursos de Salvador Allende, que por sorte hoxe poden atoparse doadamente na rede.
Outra razón é que a película está baseada nunha obra de teatro do escritor chileno Antonio Skármeta intitulada El plebiscito. Skármeta é autor que nos interesa desde que lemos a súa magnífica novela Ardiente paciencia, que tamén goza dunha digna e meritoria versión cinematográfica co título Il Postino (El cartero de Pablo Neruda).
A trama é sinxela. Un exiliado que regresou a Chile (encarnado polo actor mexicano Gael García Bernal) pon o seu talento nunha axencia de publicidade ao servizo da campaña a favor do “Non” nun referendo que o ditador Pinochet viuse na obriga de convocar, a causa da presión internacional, para decidir se seguiría no poder até 1997. Os partidarios do “Non” só dispuñan de 15 minutos diarios na televisión oficial do réxime. O resultado é coñecido: 44,01% para o “Si” y 55,99% para o “No”.
O director, Pablo Larraín, filmou sen alta definición, porque a película mestura a ficción con escenas documentais tiradas da realidade. E nunha entrevista ao diario chileno La Tercera subliñaba unha idea que comparto a respecto do neofranquismo que respira a nosa sociedade: «La gente más joven ve a Pinochet como algo lejano».
Así que, se tedes oportunidade, non perdades esta película necesaria.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Documental, Historia, Política, Teatro, Televisión, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.