«Fisterra», polo Estudio de Arquitectura de César Portela


Através do amigo Severiano Pérez Suárez coñezo este breve documentario (8:30 minutos) intitulado «Fisterra», que foi elaborado polo Estudio de Arquitectura de César Portela, autor do proxecto Plan director para o Cabo de Fisterra e do controvertido e polémico cemiterio, que obtivo toda unha serie de galardóns fóra das nosas fronteiras e que aínda non se desenvolveu na súa totalidade, pois tropeza unha e outra vez contras as pedras da ignorancia e da ineptitude do rexedor do concello, como non do Partido Popular, e imputado na denominada Operación Orquestra.
O breve documentario é unha breve e fermosa maneira de coñecermos esta estrema atlántica que así describín e nomeei no meu primeiro libro de poemas, Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992), concretamente no seu quinto caderno intitulado «De ti e da paisaxe» onde incluín este soneto:
VII
Que lonxe fica o mundo desde o faro Fisterra
para nós que aprendemos de terras coñecidas,
non pode ser estraño que onde o mar ceifa vidas
no preludio dos tempos fora alma e fin da terra.
Cando nós mesmos temos un vértigo que aferra
as nosas epidermes en cada acometida,
as naos na tempestade son cabalos sen brida
tendo un desequilibrio que oprime veas e aterra.
E os poboadores de antes iluminando o Facho,
con traidor lume aceso nun círculo pedroso
escribindo coas luces historias de naufraxios.
Non mais que era quimera facer da fame empacho
en épocas gañadas pola peste en acoso
e coas trobas tinguidas de funestos adaxios.

Esta entrada foi publicada en Documental, Poesía, Tradicións. Garda a ligazón permanente.