Presentación do libro A vaca caníbal, de Marilar Aleixandre



Nos días de lecer do pasado nadal unha das miñas lecturas foi A vaca caníbal (Editorial Galaxia) de Marilar Aleixandre, que me resultou ben agradable de ler e que recomendo non só para a rapazada á que vai dirixido. Alén das diferentes historias do mundo vacún, que agora non vou desvelar, nos relatos protagonizados por unha vaca rebelde chamada Brensa tamén aprendín algunhas cousas que descoñecía, como esta que reproduzo e que foi a que máis me chamou poderosamente a atención:
«Pouco tempo despois da enchente de mazás probei as follas prohibidas. ¿Non sabedes o que son as follas prohibidas? Contan as nais vacas ás súas cuchas que hai moitos anos as vacas vivían no paraíso, que eu sempre imaxinaba como a horta da casa, e que podiamos comer de todo canto nel había, agás unhas follas que nos estaban prohibidas. Mais ocorreu que un día veu a cobra e convenceu a vaca de catar aquela folla prohibida, asegurándolle que era a froita da sabedoría. A vaca comeu esas follas prohibidas e desde entón somos moito máis sabias. Por culpa diso fomos expulsadas do paraíso por un anxo que brandía un fungueiro na man.
(…)
– ¿Pode saberse que estás comendo? ¡Follas prohibidas!
– Sábenme moi ben!
– ¡Non podemos comelas! ¡Lisca de aí inmediatamente!
– ¿Por que?
Miña nai suspirou:
– Ás vacas gústanos o sabor da hedra. Mais os humanos non son capaces de apreciala. Por iso non nos deixan comela, porque se o seu sabor pasa ao leite, eles non poden bebelo. Se te ven comendo hedra, vas levar unha boa zorregada.»
Mañá preséntase o libro en Compostela e Marilar Aleixandre estará acompañada de Xesús Ferro Ruibal, académico e autor, xunto con Pedro Benavente, dos volumes Refraneiro galego da vaca (Santiago: CIRP, 1995) e O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún (Santiago: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2010).
Obrigas familiares non me permitirán presenciar o acto, mais quixera animarvos a escoitar estas historias vacúas. Velaquí o texto do convite:
A EDITORIAL GALAXIA E A LIBRARÍA COUCEIRO DE SANTIAGO
TEÑEN O PRACER DE CONVIDALO/A
Á PRESENTACIÓN DO LIBRO
A VACA CANÍBAL
de Marilar Aleixandre
Mércores 16 de xaneiro ás 20 horas
Participará, coa autora, o académico e profesor Xesús Ferro e o editor do libro, Francisco Castro
Un divertido libro de Marilar Aleixandre
A literatura serve para moitas cousas. Tamén para que as vacas poidan reflexionar, contar historias e nós, oílas. E este libro permítenos isto e moito máis. Marilar Aleixandre constrúe un relato divertido, pero tamén crítico, no que imos asistir á aventureira vidas das vacas e ao coñecemento das Vacas exemplares. Cada unha diferente ás outras. Cada unha coas súas vacúas teimas propias.

Esta entrada foi publicada en Contos, Humor, Infantil, Tradicións. Garda a ligazón permanente.