Os exemplares asinados de «Rebelión na charca» fóronse coa «saramaganta» para Noia e Perlío (Fene)


Finalmente concluíu o prazo para participardes no sorteo de dous exemplares asinados do libro infantil Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2012), ilustrado por Ana Santiso. Unha convocatoria que naceu contra a crise (que o é tamén do libro), como promoción da lectura na nosa lingua e para celebrarmos que esta bitácora chegou até as 555 anotacións desde que naceu (xuño do 2011).
Había que lle dar axeitada resposta á seguinte pregunta:
Que anfibio urodelo cuxo nome leva cinco veces a mesma vogal é un dos protagonistas deste conto rimado?
E as respostas debían enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.gal
ou nun chío dirixido á conta de twitter @MiroVillar indicando un enderezo de contacto.
Debeu ser máis difícil do que eu agardaba, pois houbo quen dixo «salamandra» (que só leva catro veces a mesma vogal), «salamántiga» (que leva cinco vogais, mais non todas son a mesma) e até houbo unha participante, seica de A Pontenova, que mencionou «sapagueira», o que me serviu a min para aprender unha palabra nova da nosa ricaz e sempre sorprendente lingua milenaria.
A resposta axeitada era «saramaganta» e houbo seis persoas que atinaron: cinco nun chío dirixido á conta de twitter @MiroVillar e unha que o fixo como comentario na propia anotación do blogue crebas.gal
Ben quixera que todas recibisen exemplares de Rebelión na charca mais non era posible e, coa axuda de Mar Cabaneiro, foron sorteados dous entre todas as respostas atinadas. Cada exemplar leva a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que o gañador ou gañadora sinale e esas dúas persoas foron:
@etnoga (Carmela Sánchez Arines, de Noia)
@penaanton (Antón Pena, en nome da rapazada do CEIP Centieiras de Perlío-Fene
Obrigado, moitas grazas a todas as persoas que participaron no sorteo.
E moitos parabéns ás dúas persoas premiadas e a gozardes coa lectura!

Esta entrada foi publicada en Infantil, Narrativa, Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.